Capital Shopping programa catro eventos até final de ano organizados polo comercio local

150

 A praza da Verdura celebrará mañá a segunda das actividades programadas dentro da marca Capital Shopping, que puxo en marcha a Concellaría de Promoción da Cidade, que xestiona Anabel Gulías. Trátase de desenvolver a marca coa creación dun programa de actividades de cara á campaña de Nadal para que os veciños veñan a Pontevedra a comprar, a peitearse…

Anabel Gulías destacou que o obxectivo é potenciar este modelo comercial propio, e vinculado directamente ao modelo de cidade, e esta singularidade “fai que sexamos realmente competitivos”, explicou a concelleira.

As actividades tanto desta fin de semana como as que se desenvolverán até o Nadal, están sendo promovidas polos comerciantes ou asociacións de profesionais vinculados directamente coa cidade.

Este sábado, 14 de novembro está prevista unha gran festa na praza da Verdura promovida polos comercios da praza e das súas rúas aledañas. A programación é a seguinte:

  • 12.00 horas haberá unha degustación de chocolates e cafés de comercio xusto a cargo de Amarante Comercio Xusto.
  • 13.00 horas. Actuación de Cristina Canosa e degustación de fideuá de tempada para 100 persoas ofrecido por A tenda da gata
  • 13.30 horas. Sesión vermút da man do DJ Roberto Domínguez
  • 18.00 horas actuación do grupo Arabesque
  • 18.30 horas. Degustación catering frío de Os Carballos, O Furancho de Bora e Los Maristas
  • 19.00 horas. Desfile de moda a cargo das tendas Fusión, Alma gemela e Marilyn
  • 21.00 horas. Sorteos e agasallos para os asistentes.

O 22 de novembro está previsto a gala atelier Pontevedra Look organizada polas Asociacións de perruquerías de Pontevedra e Vigo. Será no Teatro Principal a cargo da perruqueira galega Amparo Fernández, todo un referente no sector. Explicará na teoría e na práctica como se fai unha colección de perruquería dende o inicio até a sesión fotográfica.

O 27 de novembro está prevista a actividade Oliva Capital Shopping, no que as Galerías da Oliva sacarán os seus produtos á galería insstalados nuns stands moi vistosos. Ademais, aproveitarán para amosar a súa nova imaxe.

Para o 18 de decembro, farase a II Noite de ilusión na rúa Rosalía de Castro. Neste caso os comercios ampliarán os seus horarios comerciais.

Tamén de cara ao Nadal, os comerciantes da Galería Azul, entre as rúas Joaquín Costa e Cruz Gallástegui, tamén ofrecerán obradoiros para nenos durante as festas do Nadal.