O Concello planea unha rede de campos de fútbol e centros deportivos no rural

255

Practicamente rematada a creación da rede de centros socias, o Concello da un paso adiante na súa política de mellora de infraestruturas e da calidade de vida do rural co planeamento dunha rede municipal de instalacións deportivas.

O establecemento dunha rede de campos de fútbol de herba sintética sería un primeiro paso e para elo o Concello avalía a situación dos existentes e a necesidade de construír novos. De calquera xeito o concelleiro coordinador do Rural, Demetrio Gómez, explica que haberá que ter en conta tres eixos: que chegado o caso as novas instalacións terán uso non exclusivo dunha parroquia, todas terán perspectiva municipal e que sirvan para avanzar no núcleo de centralidade das parroquias.

O Concello está en conversas coas xuntas das comunidades de montes de Campañó e Cerponzóns para a cesión dos terreos dos campos de fútbol que hai nas dúas parroquias e pendente das xestións que está a facer o equipo de fútbol de Salcedo para localizar terreos para a construción dun campo de xogo alternativo ao que hai. Tamén está pendente de aclaración a situación do campo de fútbol de Pontesampaio por parte de Costas xa que estaría en dominio público e a do campo de fútbol de Praceres (Lourizán).

Pola súa banda o campo de Gatomorto (Santa María de Xeve) xa está en terreo municipal e se está a falar cos promotores para que sexa una instalación que de uso tamén a parroquia de Santo André de Xeve.