O Concello elabora un plan de actuación integral na Xunqueira de Ponte Sampaio

139

O Concello de Pontevedra está a elaborar un plano de actuación integral na Xunqueira de Ponte Sampaio. Neste proxecto estarán implicadas instalacións como a nave de piragüismo, a praia, o campo de fútbol, o colexio…

Segundo explicou Raimundo González Carballo, concelleiro delegado da parroquia de Ponte Sampaio, a actuación máis inmediata será a mellora da accesibilidade peonil e a seguranza viaria dende a ponte medieval até o colexio, co asfaltado de todo o viario e a delimitación dunha senda peonil segura en todo este ámbito.

A intención do Goberno Local é executar esta obra antes de final de ano. Tamén neste proxecto entraría unha actuación no campo da festa, que se está a empregar como estacionamento, polo que será pintado e colocoráselle a instalación pertinente como aparcamento.

Raimundo González explicou que xa está pedida da desafectación dos terreos do campo de fútbol dende o mes de marzo, para poder transformalo nun campo de herba sintética. De non chegar esta desafectación antes do inicio das obras, o Concello solicitará unha autorización para poder traballar no campo.

De todos os xeitos, a pretensión municipal é conseguir a desafectación deses terreos para ampliar a praia, xa que é un espazo moi concurrido no verán e que o Concello quere potenciar.