A bandeira verde xa ondea no campus de Pontevedra

126

Eduardo Muñiz | Pontevedra

“Ser o primeiro campus con este distintivo é unha honra, pero ao mesmo tempo é tamén unha responsabilidade”, recoñeceu o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, minutos antes do izado da bandeira verde que converte a Pontevedra no primeiro campus de España en obter a distinción que a FEE (Foundation for Environmental Education), outorga a través da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC). Pechábase así, co despregue do estandarte que xa ondea na rotonda central do campus, un “proceso intenso e complexo” no marco do proxecto Green Campus, co que a FEE recoñece o labor realizado en materia de xestión e educación ambiental de campus e facultades de todo o mundo. Mais ao mesmo tempo, como engadiu o reitor, o acto de hoxe supuña tamén o inicio dunha nova etapa, “na que traballar para conservar e dignificar esta bandeira”.

Xunto coa Universidade da Coruña, que esta tarde celebrará o izado das bandeiras outorgadas á Facultade de Ciencias da Saúde a Escola Universitaria de Arquitectura Técnica, a Universidade de Vigo converteuse este mércores na primeira institución académica española recoñecida polo programa Green Campus, impulsado polo mesmo organismo que promove, entre outras accións, as bandeiras azuis que se outorgan a praias de todo o mundo. Un dos seus fundadores, José Ramón Sánchez, presidente da ADEAC, acompañou a Mato e ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nun acto que tamén contou coa participación do director xeral da Plataforma Europea da Reciclaxe (ERP). “Darlle un valor engadido ao que xa se está facendo” en materia de educación e xestión ambiental é nese senso, o obxectivo dun programa que desde esta xornada recoñece a universidades de 13 países e coa que a FEE buscaba darlle continuidade no ámbito universitario a proxecto Ecoescuelas, como explicou Sánchez Moro neste acto, no que quixo trasladar á comunidade universitaria que “o que estades facendo é importante”.

Como lembrou o reitor na súa intervención, a bandeira verde é unha distinción que reflicte “o compromiso que ten o noso campus coa responsabilidade medioambiental”, pero tamén un recoñecemento que cómpre renovar anualmente, motivo polo que puxo o acento na “responsabilidade” que significa “abrir camiño”, así como a vontade da Universidade de seguir afondando en conceptos como o desenvolvemento sostible ou a “responsabilidade co mundo no que vivimos, sen os que non imos outorgar un futuro ás seguintes xeracións”.

Pontevedra na Cume do Clima

Nesa mesma liña, Fernández Lores manifestou tamén a súa satisfacción “porque o campus sexa un referente no seu intento por mellorar o medio ambiente”, motivo polo que incidiu na vontade do Concello de seguir colaborando neste e noutros proxectos que contribúan “a integrar o campus na cidade”. O rexedor lembrou así mesmo que, no mes de decembro Pontevedra será un dos municipios que, na Cume do Clima da ONU, asinará un documento “comprometéndose a tomar medidas para evitar o cambio climático”, motivo polo que puxo de relevo o valor de recoñecementos como o do proxecto Green Campus, “que significan que, aínda que queda moito por facer, estamos no camiño correcto”. Nese mesmo senso Sánchez Moro incidiu tamén na necesidade de traballar por deixar un “mundo mellor” as novas xeracións, como tamén fixo o representante da ERP, un organismo centrado na xestión de residuos eléctricos e electrónicos asociado ao proxecto Green Campus, quen puxo de relevo a importancia de achegar a concienciación ambiental á comunidade universitaria, “xa que é un público que representa un amplificador social, moi importante para o desenvolvemento de comportamentos responsables”.

 Como lembrou o reitor, a consecución da bandeira verde é o resultado visible dun proxecto iniciado en xullo de 2013, coa profesora Antonia Blanco á fronte da Vicerreitoría do campus e que é “froito do traballo de toda a comunidade universitaria”. Por iso, Mato agradeceu na súa intervención “o compromiso absoluto” das facultades e escolas do campus e dos diferentes servizos da Universidade, así como “o esforzo e a implicación” con este proxecto de institucións como o Ministerio de Fomento, a Deputación Provincial ou o Concello e de colectivos como Vaipolorío, Amizade ou Cogami, “todos eles actores fundamentais para atopar solucións e cumprir cos requisitos que esixe esta bandeira verde”.

Non en van, este estandarte é o froito de preto de dous anos de traballo que comezaron coa sinatura dun convenio marco entre a Universidade de Vigo e a ADEAC, a raíz do que se deseñou un programa de actuacións a redor dunha serie de temáticas prioritarias. O primeiro deles foi a elaboración dunha ecoauditoría nas diferentes instalacións do campus, trala que se constituíu un comité de xestión ambiental do campus e unha serie de comisións ambientais nas facultades e escolas, como paso previo á elaboración plan de acción articulado en torno a unha serie de obxectivos prioritarios, como a optimización do consumo de auga e enerxía; a redución da xeración de residuos e a mellora da recollida selectiva, a mellora da mobilidade e accesibilidade ou o fomento da biodiversidade. A partires deses obxectivos, neste plan, que continúa executándose actualmente establecíanse unha longa serie, definíanse unha serie de accións a levar a cabo, que ían da elaboración de materiais cos que fomentar a educación ambiental, á instalación nos centros de luces led ou as recentes obras levadas a cabo para dotar ás facultades de gas natural, así como campañas de recollida de residuos, a plantación de árbores ou a instalación, coa colaboración do Concello, dunha serie de aparcabicis nos diferentes centros.