Unha enquisa a rapaces da ESO tratará de acreditar se o uso do móbil é aditivo

93

O Concello fará un traballo de investigación sobre o uso que fai a xente moza das novas tecnoloxías ao aveiro do seu programa de prevención de condutas aditivas. Unha enquisa entre estudantes da ESO da cidade permitirá coñecer até que punto os rapaces viven pendentes do móbil e internet, se o uso das novas tecnoloxías interfire ou condiciona a súa vida cotiá, as súas relacións de amistade ou familiares, se lles crea problemas na escola o una casa, etc. “Non existe un diagnóstico sobre abuso de novas tecnoloxías, non está catalogada a adición aos móbiles ou se existe” explica Patricia González, técnico municipal experta en prevención de condutas aditivas.

Farase máis dun millar de enquisas aproveitando o traballo continuado do programa de prevención de condutas aditivas que promove o Concello de Pontevedra e no que participaron, este último curso, un total de 5.197 alumnos e 207 docentes. A previsión é facer a enquisa e completar a investigación no actual curso académico para pór en marcha as iniciativas oportunas a partir do próximo curso, e dicir, setembro do 2016.

O programa de prevención de condutas aditivas chega a súa dezanove edición, lembra a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, quen anunciou que a Xunta autorizou o 100% da subvención para o programa no período 2015-2017. A administración autonómica aportará unha subvención de 128.000 euros, unha cantidade que completará o Concello de Pontevedra cunha partida de 64.000 euros máis.

Obradoiros, debates, cine e actividades lúdicas serven aos expertos do programa para traballar na prevención das condutas aditivas –tabaco, alcohol, cannabis e outros tipos de estupefacientes- nos colexios, institutos e as familias, no eido do ocio xuvenil e nas autoescolas. E a partir de agora ampliarase o conxunto de actuacións cunha intervención concreta coa poboación xitana; con cursos para docentes e coa investigación sobre o uso, o abuso e posíbel adición ás novas tecnoloxías.