As peripecias de Extravaganzza Pérez, o libro de Ledicia Costas para o Salón do Libro 2016

69

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro Portela, presentou unha importante novidade de cara á vindeira edición do Salón do Libro 2016, “Canta Bichería!”. A escritora, recentemente galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil, Ledicia Costas, escribiu unha novela para o Salón do Libro. “De entrada non ía ser tan extensa, pero a protagonista e o tema daban moito xogo e converteuse nunha novela”, afirmaba Ledicia.

“Unha novidade á que se lle pretende dar continuidade en videiras edicións, ata chegar a facernos cunha colección propia do Salón”, esa é a intención da concelleira de Cultura, Anxos Riveiro que asegura que “nesta edición, a número 17, consolidaranse moitas das novidades e pequenos cambios que se fixeron nos últimos 2-3 anos, cambios de pequeño formato que buscaban atender mellor aos nenos e nenas que nos visitan, cambios que buscaban a maior visibilidade do Salón, ou cambios coma este que van a afectar á estructura de traballo e que van a permitir que o Salón vaia estar vivo polo menos 20 anos máis”, afirmaba a concelleira.

Ledicia Costas considera que este encargo, que se fixo hai meses, é o seu talismán xa que “dende que mo fixeron, non deixaron de chegarme boas novas”. O Premio Nacional de Literatura colleuna xa inmersa neste proxecto que para ela foi un reto: “As peripecias de Extravanganzza Pérez”. “Para min era moi importante que houbese no libro elementos moi vistosos, porque sei do traballo maravilloso que fan cos volumes na ambientación do Salón, era moi importante tamén que percorrera diferentes ecosistemas e que, relacionándose co tema desta edición, “Canta bichería!”, os animais foran unha parte imprescindible”.

A protagonista, á que poñemos cara grazas ás ilustracións de Óscar Villán, que é unha nena con moito carácter e bastante especial, fai unha viaxe por un mundo imaxinario, ou non tanto, xa que, segundo nos desvelou a autora, hai chiscadelas con Pontevedra.

Extravaganzza nace cunha discapacidade importante, que a limita na súa vida diaria pero que conta cunha valentía destacable e unha capacidade e sensibilidade especial para comunicarse cos animais. Que a protagonista sexa muller e conte con estas características de forza, personalidade e valentía, non é casualidade, xa que Ledicia considera que a literatura é un vehículo moi importante para reivindicar á muller e educar e loitar contra todas as violencias de xénero.

O libro, do que está prevista unha tirada de 4.000 exemplares, distribuirase cara o mes de xaneiro aos centros colaboradores para que se familiaricen con el meses antes do Salón, que terá lugar do 1 ao 23 de abril.