Mellora nos prazos de pago a provedores

94

O Concello de Pontevedra comeza a normalizar os pagos a provedores logo da entrada en vigor da factura electrónica a primeiros deste ano. O informe trimestral amosa un descenso a 47,52 días de media de pago, algo máis de 3 días que no pasado trimestre. O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González explicou que “parece que se empeza a normalizar o atraso acumulado no primeiro trimestre do ano”, de feito nos últimos tres meses pagáronse 3.263 facturas, un número moi superior a trimestres anteriores.

De todos os xeitos o Concello está por debaixo dos 60 días de pago máximo permitido pola Lei, “e seguimos baixando e traballando por poder situar o pago nos 30 días”, explicaba González Carballo.

As cifras dos organismos autónomos son ben distintas. No último trimestre o período medio de pago no Pazo da Cultura foi de 17,89 días e no IMD de 15,65 días. No primeiro dos organismos pagáronse 86 facturas, e no segundo 95.

O concelleiro de Economía quixo lembrar que o cómputo do pago a provedores cambio a primeiros de ano, xa que como se fai por vía dixital, o prazo dos días empeza a contar dende que a factura entre no Rexistro Municipal, e non cando chega ao servizo de Intervención como era con anterioridade.