O Concello amortizará 3,3 millóns a Sogama a finais de mes, 600.000 euros máis do previsto no primeiro pago

81

A Concellaría de Economía e Facenda acordou incrementar en 627.567,91 euros o pago que o Concello de Pontevedra ten que facer o vindeiro 30 de novembro a Sogama. Segundo o convenio rubricado hai unhas semanas entre o alcalde capitalino e o presidente de Sogama para regular os pagamentos atrasados gañados pola Sociedade galega do medio ambiente en sentenzas firmes, naquela data o Concello terá que abonar á Sociedade galega do medio ambiente 2.686.736,54, ao que o Concello sumará máis de 600.000 euros, polo que a contía final quedará en 3.314.304,41 euros.

Segundo explicou esta mañá o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González Carballo, a obriga lexislativa ao respecto do superavit do anterior orzamento só ten tres vías de uso: a amortización de créditos; o destino a inversións financieiras economicamente sostibles; ou ao pago de provedores. O Concello destinou 2 millóns de euros á execución de obras no rural, basándose no segundo suposto das autorizacións legais, e agora acorda destinar estes máis de 600.000 euros a pago de provedores. “De non ser así habería que darllo para a amortización do préstemo e o Goberno entende que é máis ventaxoso destinado á amortización da débeda de Sogama”, explicaba Raimundo González.

O concelleiro de Economía aclaraba que esta decisión pódese tomar “sen que sufra o funcionamento ordinario do Concello, a atención aos veciños nin as inversións, dada a capacidade de financiamento que ten o Concello”.