Os actos do 25N, homenaxe a Conchi Reguera Peón

103

“O futuro é a educación” por iso o Concello de Pontevedra segue a traballar no eido da prevención da violencia machista, tal e como comentou esta mañá a concelleira de Muller, Carmen Fouces, na presentación da campaña que o Concello ten prevista con motivo do Día da loita contra a violencia de xénero, o vindeiro 25 de novembro.

Carmen Fouces indicou que este ano os actos do 25N terán unha componente singular, dado que “lamentablemente inauguramos o censo de mulleres vítimas de violencia de xénero no concello de Pontevedra” con Conchi Reguera Peón, a veciña de Ponte Sampaio morta, supostamente, a mans da súa exparella. “Por iso queremos rendir homenaxe a Conchi, a súa familia, ao seu entorno, aos seus veciños…”.

Adiantou que é propósito da Concellaría elaborar de cara a 2016 un plan específico en Ponte Sampaio, tanto no centro escolar como no entorno de Conchi “porque sabemos o impactados que seguen a estar con este suceso”.

O Concello de Pontevedra programou unha semana de actos que comezou hoxe mesmo coa instalación nos mupis da cidade o cartel da campaña deste ano. Son denuncias espidas das mulleres cando chegan a comisaría a denunciar que son vítimas da violencia machista. Tres mulleres deron o paso de ceder as súas denuncias para que sexan instaladas nos mupis da cidade e para que todo o mundo lea cal é o inferno no que viven. Ademais, con esta entrega, tamén confían en que sirvan para que outras mulleres que se vexa retratadas nestas denuncias, dean o paso e escapen dese inferno.

            Os carteis están instalados nas seguintes rúas:

  • Avda Reina Victoria (frente sanchez cantón)
  • García Camba (Xunto edificio las Torres)
  • Rúa González Besada (Frente hotel Comercio)
  • Rotonda ponte dos tirantes
  • Cobian Rofignac (Xunto ao FROIZ)
  • Padre Amoedo esquina con Avda, Bos Aires
  • Xunto a Praza de Abastos
  • Rúa Xeral Rubí (Pabillóns Militares)
  • Fernández Ladreda esquina Alcalde Hevia
  • Avda Vigo esquina Fdz Ladreda
  • Xunto a estación de autobuses
  • 12 Novembro esquina Eduardo Pondal
  • 12 Novembro esquina Camiño de ferro

Un dos puntos fortes da Concellaría no seu traballo diario, así como da propia campaña é traballar no eido da educación, por iso se lle solicitou a implicación directa do Consello das Mulleres Novas na programación deste ano. Elas farán o acto central do día 25 de novembro coa instalación duns cubos na praza da Ferraría (de 18.30 a 20.00 horas) nos que se reproducirán mensaxes de móbil habituais entre a xente moza. Mensaxes de móbil sexistas e machistas como “Es miña – Tes o ticket?”, “Es miña – Non son sumisa de ninguén”, “Es miña – Non son de ninguén”, “Quero facer todo contigo – Todo? Imposible”; tratando de atallar os falsos estereotipos do amor romántico, tan importante na xente moza.

            Obra de teatro

Ademais, a Aula de igualdade que dirixe a actriz Andrea Bayer porá en escena a obra de teatro “Herdanza” que en clave de humor abordará até a ridiculez a violencia de xénero. A obra será o día 29 ás 20.00 horas no Teatro Principal. A entrada é de balde.

Durante toda a semana Portal 48, a través do grupo De bruxas e volvoretas, incluído no proxecto do Campus de Pontevedra Tamgram, farán sete accións de rúa para abundar na concienciación social sobre a lacra da violencia de xénero. Descontextualizarán roles dos debuxos animados como Heidi; farán unha performance sobre Barba Azul, na Casa das Campás; entregarán tarxetas nos que aparezan frases reais de mulleres maltratadas así como códigos QR que redireccionan a vídeos de persoas contando as súas experiencias reais; ou o proxecto da Casa (unha caixa duns 1,40 metros) na que a xente poderá entrar e logo contar as súa experiencia.

Toda esta programación rematará coa entrega dos Premios Ernestina Otero destinado a premiar os traballos de grao e máster que conteñan a perspectiva de xénero. Será o día 2 de decembro na Casa da Luz, ás 20.00 horas.

Denuncias campaña 25N-1 1Denuncia campaña 25N-3 1Denuncia campaña 25N-2 1