Pontevedra, a cidade máis cómoda para vivir segundo a ONU

104

O Concello de Pontevedra estivo moi ben representado nesta xornada na presentación do libro “Pontevedra, outra mobilidade, outra cidade” publicado pola Fundación Pons Seguridade Viaria, empresa líder en consultoría estratéxica pública e privada, e que supón o primeiro libro da colección “Mobilidade responsábel”. Neste caso, a obra está enfocada a análise do fenómeno de Pontevedra como exemplo de transformación urbana dirixida á mellora da mobilidade, accesibilidade e fomento do uso dos medios de transporte respectuosos co medio.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro César Mosquera, coautor do libro, compartiron mesa con Ramón Ledesma e Shara Martín, asesor e directora xeral respectivamente de Pons Seguridade Viaria, como impulsotres e editores do libro.

A publicación recolle que nos últimos 20 anos e grazas ás súas medidas, Pontevedra logrou reducir un 78% o tempo perdido en atascos mellorando un 35% a fluidez, e por décimo ano consecutivo sen rexistrar vítimas por accidente de tráfico. En 2014, Pontevedra acadou o Premio Internacional de Dubai, auspiciado pola ONU, que recoñece as mellores prácticas para mellorar as condicións de vida dos seus habitantes a nivel mundial.

O alcalde repasou as principais medidas postas en marcha pola cidade como a implantación do límite máximo de velocidade 30km/h en toda a cidade, con zonas urbanas incluso con límite 20km/h, medida combinada con outras de preferencia peonil como o aumento do 60% do espazo das rúas e prazas adicadas a eles e a ciclistas no casco urbano, así como a eliminación completa de barreiras en toda a cidade. Tamén destacou medidas “moi eficaces” como foron a eliminación do estacionamento regulado na cidade, que substituíu polo estacionamento de balde no centro por tempos curtos de 15 minutos ou grandes parkings de balde permanentes na periferia e a creación de bucles disuasorios co obxectivo de reducir o número de vehículos “a unhas cifras compatibles coa calidade urbana pretendida”.

César Mosquera sinalou que aínda que o automóbil é preciso para certos desplazamentos, é preciso equilibralo co respecto aos peóns e aos espazos comúns.

Pola súa banda, Ramón Ledesma destacou un curioso fenómeno que se dá en ocasións nas que tratar de favorecer a mobilidade xera o efecto contrario ao desexado. “Aínda que medidas como ampliar un carril ou o estacionamento regulado ao principio parecen dar resultado, se se crea a expectativa de que se mellora a circulación ou o estacionamento, o único que conseguimos é que aumente o tráfico e, con iso, o problema. O fenómeno Evaporating Traffic,que defendo propón que ante a imposibilidade ou ante graves dificultades para circular ou estacionar, diminúe a demanda como demostrou Pontevedra”. Ledesma tamén destacou a importancia de comunicar e involucrar ao cidadán nas iniciativas que afectan, sinalando que en Pontevedra “conseguiuse algo moi importante e quizais o máis difícil que é que a xente entenda e sexan hoxe os primeiros en defender que cando menos coche na cidade, mellor”.

A nova colección “Mobilidade responsábel”, da que forma parte a obra sobre Pontevedra é, segundo Shara Martín, “o resultado da nosa aposta por ofrecer novos puntos de vista e fomentar o debate público axudando á sociedade no seu conxunto a coñecer modelos alternativos de mobilidade que xa están funcionando, como é sen dúbida o caso de Pontevedra. O concepto responsable na mobilidade xurde da unión da necesidade de impulsar unha mobilidade segura, pero tamén co mínimo impacto medioambiental”. A máxima responsable da consultora adiantou a próxima publicación de obras dirixidas a analizar a inflluencia de novas realidades como son as do uso da bicicleta e a moto, e a súa influencia na mobilidade das cidades do século XXI.

A Fundación Pons resume deste xeito o modelo de Pontevedra recollido na súa primeira publicación:

“Os resultados avalan o modelo de Pontevedra como modelo de éxito na xestión dunha transformación urbana cara un modelo de xestión responsábel, sumando ao obxectivo da seguridade, o concepto da sostenibilidade.

Segundo recollen os datos contidos na publicación, en menos de 20 anos (1996-2014), Pontevedra logrou reducir o tráfico no centro un 70%, e no conxunto da cidade un 30% até situar a intensidade media diaria de vehículos na cidade por debaixo dos 70.000 vehículos en 2014. Esta realidade inflúe decisivamente sobre as seguintes, xa que xunto a esa redución rexistrouse unha mellora da velocidade media até case 21 km/h, reducindo un 78% o tempo perdido en atascos e retencións.

Como consecuencia desa situación, un menor uso do vehículo na cidade viu acompañado dun 65% de redución tanto  no consumo de combustibles como na emisión de CO2 en Pontevedra.  Con 21 mcg/m3 en canto a emisións de dióxido de nitróxeno (NOx), Pontevedra forma parte do 10% dos concellos que cumplen os estrictos parámetros da Organización Mundial da Saúde, que establece un nivel máximo de NOx DE 40 mcg/m3.

Os efectos das medidas sobre a seguridade son notables, xa que na última década Pontevedra logrou a cifra de cero mortos por atropelo ou accidente de tráfico, mentres que a cifra de feridos logrou en 2013 data disponible, logrou baixar até un total de 96 persoas feridas en incidentes vinculados ao tráfico.