Almudena Poza Pampín e Esther Gandía Martínez son as alumnas do Campus de Pontevedra, gañadoras dos segundos premios Ernestina Otero, para a incorporación da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster para os alumnos do Campus de Pontevedra, convocados pola Concellaría de Igualdade e a Universidade de Vigo.
Almudena Poza resultou gañadora na categoría Traballo fin de grao co traballo “A aprendizaxe cooperativa como ferramenta para fomentar a igualdade entre os sexos na escola infantil”; e Esther Gancía Martínez, do Traballo fin de master co proxecto “O persoal é político”.
Estes premios serán entregados o vindeiro 2 de decembro, no transcurso dun acto académico que se celebrará na Casa da Luz a partir das 20.00 horas.
O traballo de fin de grao recibirá un importe de 2.000 euros, e o de fin de máster de 1.000 euros. Ademais quedou deserto un segundo premio na categoría de máster.
As bases dos premios recollen que entre os obxectivos do Consello das Mulleres do Concello de Pontevedra atópase incluir o fomento da igualdade entre homes e mulleres, facilitanto a sensibilización e a participación de toda a cidadanía. Peza clave para conseguir este obxectivo é o compromiso da comunidade educativa xa que resulta fundamental traballar a perspectiva de xénero nas poboacións máis novas e favorecer a cohesión cidadá coa universidade.