Comezan os obradoiros do proxecto Apego para familias

104

Máis de sesenta persoas, entre adultos, bebés e nenas e nenos, participan hoxe na Casa Encantada de Alí, o primeiro dos obradoiros específicos para familias que a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra pon en marcha dentro do programa Apego.

Ás 18.15 horas, na Casa Azul o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, presentará o obradoiro. Da man de Fabaloba e do músico e investigador Luís Prego, os adultos participantes descubrirán e practicarán cancións, contos e xogos en galego para poder despois repetilos cos seus fillos e coas súas fillas. O mércores 2 de decembro A Casa Encantada de Alí terá unha nova edición para a que tampouco quedan xa prazas libres.

O programa Apego quere acompañar ás familias na aventura da transmisión da nosa lingua como herdo aos seus fillos. Apego busca recuperar o galego como lingua de relación dentro da familia, para que os nenos e as nenas medren na descuberta do mundo tamén desde o galego. O programa busca reforzar nos nenos a identidade coa familia e coas súas raíces a través do riquísimo patrimonio que atesoura a lingua galega.

Outras actividades do programa Apego previstas para este outono:

Dentro do programa Apego tamén están programadas dúas edicións do obradoiro Arrolos de Salitre, para aprender cantos de berce cos músicos Xabier Díaz e Guillerme Fernández. A actividade está dirixida a familias que van ter, ou xa teñen, nenos e nenas de 0 a 2 anos. O obradoiro desenvolverase os sábados 12 e 19 de decembro en dous horarios: de 11 a 12 horas ou de 12.30 a 13.30 horas. As prazas son limitadas; cómpre inscribirse no Servizo de Normalización Lingüística do Concello.

As actividades do Apego complétanse co Cántamo en Galego! no que Susana Pedreira e Carlos Pereiro entrevistarán a Lydia Botana o mércores 9 de decembro, ás 19.30 horas, na Casa da Luz; a entrada será libre.

Un dos obxectivos do proxecto Apego é dar a coñecer recursos e iniciativas útiles para a crianza en galego. Consonte este obxectivo, a asociación Semente organiza o segundo e o cuarto sábado de cada mes encontros para familias galegofalantes, no Pazo da Cultura.

Apego é un programa dirixido ás familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos. A inscrición realízase no Servizo de Normalización Lingüística do Concello. En Pontevedra sumáronse xa ao Apego máis de 80 familias desde que se presentou o proxecto. Consonte isto, dentro do plan de formación, a Concellaría de Normalización Lingüística ofrece de aquí a finais de ano máis de cen prazas para coñecer recursos que faciliten a comunicación en galego tanto no seo das familias como nos espazos educativos.

Máis información no web www.apego.gal