Normalización Lingüística propón activar a lingua aprendendo a regueifar

78

A Concellaría de Normalización Lingüística, en colaboración coa asociación Duos Pontes, organiza un obradoiro de regueifas para activar o uso oral da lingua partindo da arte de regueifar. O obradoiro desenvolverase nunha única sesión de catro horas, mañá sábado 28 de novembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, a partir das 16.30 horas.

As persoas inscritas aprenderán os conceptos básicos da poesía oral improvisada de carácter popular, común a moitas linguas e culturas do mundo; achegaranse á historia e á estrutura das regueifas e practicarán a arte da regueifa con exercicios de enxeño de ida e volta.

Impartirá o obradoiro Josiño da Teixeira membro da Asociación Oral de Galicia, que desenvolve desde hai anos un intenso labor de recuperación e didáctica arredor da tradición das regueifas. Josiño da Teixeira é percusionista e cantante dentro da música tradicional galega e integrante e promotor do grupo Tanto nos Ten. Ademais imparte clases no Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo.

Esta actividade insírese dentro da programación que a Concellaría de Normalización Lingüística desenvolve en colaboración con distintos colectivos da cidade, co fin de promover o uso da lingua galega e dar a coñecer ferramentas que sirvan como dinamizadoras do seu uso.