O Concello opta a conseguir 15 millóns dos Fondos Feder para afondar no modelo de cidade

136

O Concello de Pontevedra presentarase á próxima convocatoria de Fondos Feder nas que terá a posibilidade de optar a una subvención de 15 millóns de euros. Segundo informaron esta mañá os concelleiros Carmen Fouces e Luís Bará, a convocatoria saíu o pasado 17 de novembro e rematará o vindeiro 15 de xaneiro, cando ten que estar listo o documento de Pontevedra. O modelo de Pontevedra encaixa á perfección coas liñas de actuación para as que están pensados estes fondos europeos, polo que o Goberno ten moitas expectativas nesta convocatoria.

Para optar a estes fondos hai que cumprir uns requisitos. O primeiro ter aprobada a Estratexia Urbana Sustentábel Integrada 2015, que xa foi presentada do Consello Económico e Social que recibiu o visto bo de todos os seus integrantes, e tamén será debatida en comisións e no pleno municipal. E outro requisito que haxa un proceso participativo de grande implicación social, coa interacción de axentes sociais e territoriais. De feito hai unhas semanas xa houbo unha reunión con axentes sociais e asociacións.

Os fondos Feder prevén unha execución do 1 de xaneiro de 2014 até o 31 de decembro de 2022 polo que algúns dos proxectos que se iniciarán en breve poderían estar incluídos dentro desta estratexia.

A contía máxima á que pode optar o Concello son 15 millóns de euros, dun proxecto de 18,7 millóns, que é unha parte moi importante do proxecto global Horizonte 2020 presentado polo Goberno Local que contempla a execución duns 50 millóns de euros de aquí ao ano 20, e que fixan as estratexias marcadas nas obras públicas e na mellora da calidade no ámbito rural e no urbano.

Para optar a estes fondos, hai catro liñas nas que haberá que centrar o proxecto:

  • A Cidade intelixente: aplicación das novas tecnoloxías para mellorar a calidade de vida. No proxecto está previsto un investimento duns 2 millóns para a administración electrónica e a mellora dos servizos.
  • Mobilidade e eficiencia enerxética: 4,5 millóns
  • Cidade sustentábel e saudable (economía baixa en carbono). Aquí inclúense a mellora de barrios e parroquias por uns 6,1 millóns.
  • Cidade integradora: inclusión social e económica de sectores en situación de discriminación. O proxecto contempla destinar unha contía de 5,4 millóns.
    Todas estas actuacións teñen que estar localizadas nun ámbito territorial claro e definido. Polo que o proxecto debe tratar que se localicen en barrios e parroquias determinados para que teñan coherencia. Teñen que ver co entorno dos ríos, a zona entre a ponte do Burgo e Monte Porreiro, prolongado ás zonas máis degradas do centro histórico; o barrio de Mollabao, Ponte Muíños, Salcedo, Tomeza, Marcón, con actuacións como o parque forestal da Fracha, o Gafos, o Camiño Portugués…

No ámbito social e económico, dado que en Pontevedra non hai bolsas de infravivenda na que actuar, óptase por recuperar espazos públicos que están a medio funcionar e que son espazos de grande utilidade para asociacións, como pode ser o Centro Sur. Será completar a dotación deste edificio con centros de día, residencia para persoas con discapacidade… creando unha dotación da que carece toda a comarca de Pontevedra.

No ámbito económico faranse actividades e accións destinadas a pular polo emprego, o emprendemento, apoio aos emprendedores, a participación dos nenos activamente nos temas políticos do Concello…

Todas aquelas persoas que queiran participar poden coñecer o proxecto no web

maismodelo.pontevedral.gal
ou poñerse en contacto a través do mail

maismodelo@pontevedra.gal