A edición 0 do Festival de Cine de Pontevedra inclúe tres estreas en Galiza

124

Exhibición, difusión, formación e divulgación. Son os eixos que guían o Festival Internacional de Cinema de Pontevedra –Novos Cinemas- cuxa edición cero estará con nós os días 11, 12 e 13 de decembro. O certame vestirase de largo, coa súa primeira edición, en xuño de 2016.

Novos Cinemas nace co fin de dar visibilidade aos novos creadores e difundir o seu talento, prestando especial atención á vangarda cinematográfica a nivel internacional. A edición 0 inclúe a proxección de cinco películas, ademais dun seminario impartido polo cineasta Javier Rebollo, “Só se fai unha primeira película unha vez” e dous encontros de profesionais e público: “Filmar como respirar. Na procura do primeiro filme”, con cineastas e novos realizadores e “NovosCinemas#NovosMercados”, con produtores e distribuidores.

O cineasta madrileño Javier Rebollo presentará nesta edición 0 a súa película “O que sei de Lola”. Será no Teatro Principal, onde tamén protagonizará unha sesión especial na que revisará o filme “Os 400 golpes” de François Truffaut.

Ademais destas dúas películas, os que se acheguen ao Festival poderán asistir a tres estreas en Galiza: “Un poeta novo” de Damien Maniel (Francia), “As amigas de Ágata” de Marta Cañas, Carla Linares, Elena Martín e Victoria Serra (España) e “Volta á Terra” (Portugal).

O proxecto é unha colaboración do Concello de Pontevedra, a través da Concellería de Cultura, a Universidade e profesionais do sector como o produtor cinematográfico Daniel Froiz, o cineasta Ángel Santos e o programador Suso Novás.