El Cafetín de la Alameda, Casa Román e PTV gañan o Pontedetapas 2015

116

A Casa da Luz foi o escenario no que se deu a coñecer o nome dos gañadores do certame Pontedetapas 2015 no que participaron 53 establecementos da cidade. Eran tres as categorías en disputa: mellor tapa tradicional, mellor tapa creativa e mello cóctel. Ademais o público votou a Tapa Pontevedra, o bocado que competirá no certame “De tapas por Galicia” que promove Turismo de Galicia entre os gañadores dos concursos gastronómicos das sete capitales galegas.

O alto nivel dos participantes fixo que tanto o xurado como o público concedese un segundo premio ou distinción.

PREMIOS DO XURADO

. Categoría Tapa Tradicional: CASA ROMÁN, coa tapa “Cocido galego”

. Categoría Tapa Creativa : EL CAFETÍN DE LA ALAMEDA, coa tapa “É tempo de navallas”

. Categoría Cóctel : PTV, co cóctel “Margarida de bombón”

2ª premios. Categoría Tapa Tradicional: TAPERÍA DEJAVI, coa tapa “Nunca máis”. Categoría Tapa Creativa : TAPERÍA LOAIRA, coa tapa “Petisco de mar”.  Categoría Cóctel : El PECADO TAPERíA, co cóctel “Chocolat Pecado”.

PREMIO DO PÚBLICO

.Tapa Pontevedra 2015: EL CAFETÍN DE LA ALAMEDA, co bocado “É tempo de navallas” con 4.030 puntos.

1ª Mención Honorífica: TAPERÍA LOAIRA, coa tapa “Petisco de mar” con 2.820 puntos. 2ª Mención Honorífica: CRE-COTTÊ, coa tapa “É segredo” con 2.555 puntos

Nos dez días do concurso vendéronse 33.007 tapas e cócteles, un reconto feito a partir dos tickets de compra, segundo explica a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías quen subliña o agrado dos hostaleiros locais polos resultados acadados. Algúns dobraron as ventas respecto do ano anterior e todos falan da intensa actividade rexistrada durante o Pontedetapas.

A Concellaría está moi satisfeita do balance deste ano, aínda que en 2014 a anterior organización contabilizaba algo máis de 46.000 tapas vendidas. A realidade é que se descoñece o método de reconto do pasado ano, pero nesta edición se incrementaron o número de establecementos participantes (53 fronte a 45), foron menos os días do concurso (10 fronte a 12), e os hostaleiros e restauradores de Pontevedra puxeron xa sobre a mesa a posibilidade de convocar unha nova edición do concurso gastronómico para a primavera, ante os bos resultados deste inverno.

Pontedetapas é unha xanela para amosar e compartir a alta calidade e creatividade da gastronomía local pero tamén ten unha rendibilidade económica significativa: as 32.082 tapas xeraron uns ingresos de 64.164 euros en tanto que os 925 cócteles supuxeron 2.775 euros