Concello e Deputación estudan a unificación do servizo de Turismo

83

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías e o deputado provincial, Santos Héctor mantiveron esta mañá unha reunión para ordenar e unificar o servizo de Turismo na cidade de Pontevedra. Segundo a concelleira foi un encontro con moita sintonía e con gañas de traballar, polo que quedaron emprazados para próximos encontros.

Anabel Gulías explicou que o obxectivo é a unificación do servizo de Turismo, ao que tamén tentará que se una a Xunta de Galicia. Esta unión implica que a recepción turística fose no Pazo das Mendoza, quedando a Casa da Luz como un centro de información xeral de toda a cidade.

Esta unificación tamén implicaría a retirada da caseta de información turística da praza de España porque se atopa en moi mal estado de conservación e debido á proximidade do Pazo das Mendoza.

A concelleira indicou que o acordo aínda non está pechado, xa que teria que materializarse a través dun convenio de colaboración de ambas institucións.

Tamén abordaron a posibilidade de realizar accións conxuntas de promoción e difusión do Camiño Portugués, especialmente de cara ao ano que vén, e tendo en conta a posibilidade de realizar un produto de calidade. Ou unificar certos elementos e estratexias. A concelleira explicou a modo de exemplo que a cidade ten nestes momentos tres planos diferentes da cidade, en función da administración que a entregue.