Os Premios Ernestina Otero ábrense a todos os campus de Galiza

97

 

A entrega da segunda edición dos premios Ernestina Otero foi o escenario elixido para anunciar que, a partir del próximo ano, abriranse a todos os campus universitarios de Galiza. O acto desenvolveuse na Casa da Luz coa presenza de varios familiares da que fora profesora e directora da Escola Normal (Maxisterio) de Pontevedra durante a República, defensora dos dereitos das mulleres, entre eles o dereito a formación e do estatuto de autonomía.

A Concellaría de Igualdade e a Universidade de Vigo están detrás dos premios Ernestina Otero convocados co obxectivo de promover a incorporación da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster, en principio, para os alumnos e alumnas do campus de Pontevedra.

As premiadas na segunda edición foron:

.  Almudena Poza Pampín, da Facultade de Ciencias da Educación e Deporte foi a gañadora na categoría fin de grao polo traballo “A aprendizaxe cooperativa como ferramenta para fomentar a igualdade entre os sexos na escola infantil”
. Esther Gandía Martínez, da Facultade de Belas Artes, na categoría de traballo fin de máster co proxecto “O persoal é político. A creación artística como estratexia reflexiva acerca do papel da muller na sociedade patriarcal”.
Almudena Poza recibiu emocionada o premio e aproveitou para reivindicar a importancia da educar en igualdade dende idades temperás. Pola súa banda Esther García, que está en México, delegou o seu agradecemento no titor do seu traballo, Xosé Manuel Buxán.

As bases dos premios Ernestina Otero recollen que entre os obxectivos do Consello das Mulleres do Concello de Pontevedra atópase incluír o fomento da igualdade entre homes e mulleres, facilitando a sensibilización e a participación de toda a cidadanía. Peza clave para conseguir este obxectivo é o compromiso da comunidade educativa xa que resulta fundamental traballar a perspectiva de xénero nas poboacións máis novas e favorecer a cohesión cidadá coa universidade.