Pór en valor e gozar dos caldos da terra, obxectivos da campaña Beber País

77

Pór en valor o produto propio da terra e promover a dinamización do mundo rural. Son os obxectivos que hai detrás da nova compaña “Beber país” que pon en marcha o Concello de Pontevedra, a Asociación Galega de Viticultura e a Federación Rural Galega.

No horizonte –todo apunta a que será no 2016- a declaración de Indicación Xeográfica Protexida (IXP) dos caldos da zona de Pontevedra, O Morrazo, Poio, Vilaboa e Redondela, unha produción que no seu día quedou descolgada da Denominación de Orixe Rias Baixas.

25 bodegas ofertarán os seus caldos nun “túnel de viño” e “catas” na Casa da Luz, os días 5 e 6 de decembro. Os que se acheguen poderán gozar do sabor de viños de Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Valdeorras, Negueira, Barbanza-Iria, Betanzos e outros. A entrada ao “túnel” é de 3 euros e as catas, de 10.

Horario do túnel. Sábado, de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Domingo, de 12.00 a 14.00 horas.

Horario das catas: sábado e domingo, ás 12.30 horas.

“Temos un patrimonio vinícola e paisaxístico moi importante” subliña Antonio Portela, portavoz da Asociación Galega de Viticultura quen agarda que o amparo que lles dará a declaración de IXP permita visualizar e incrementar unha produción de calidade .