O Salón do Libro presenta o cartaz da súa 17 edición en Culturgal

82

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, presentou dentro do Culturgal, o cartel que ilustrará a vindeira edición do Salón do Libro, a número 17 xa, que levará por título “Canta Bichería” e terá lugar entre o 1 e o 23 de abril de 2016. Convidou a todos/as os que aínda non o coñecen a achegarse o próximo ano. “É un proxecto fermosísimo que ten unha pretensión moi clara e sinxela que é achegar a lectura aos nenos e nenas. Un lugar onde ocorren cousas xeniais: milleiros de libros, teatro, ambientación e sobre todo o traballo dos centros de ensino que adican moitas horas a elaborar verdadeiras obras de arte”.

Un ano máis, a creadora do cartel foi elexida entre as propostas da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración. Foi María Álvarez Hortas, “Yupiyeyo” a quen a concelleira agradeceu o seu grandísimo traballo. Pola súa parte a ilustradora, que compaxina a ilustración co traballo como técnica audiovisual, manifestou a súa ledicia: O Salón do Libro polo seu peso e traxectoria é un escaparate importantísimo no que amosar o meu traballo e un pequeño agasallo a miña familia e os meus amigos que me animan nesta carreira de fondo que é vivir da ilustración”. Sobre o cartel, escollín dentro do concepto “bichería” os bichos porque me paracía interesante a idea dun micromundo dentro doutro mundo e tamén a idea de xogar dentro do mundo dos libros e por iso os bichos están arredor dunha pila deles, xogando coma se foran de excursión”

A continuación Anxos Riveiro deu a palabra a Ledicia Costas, logo de lle agradecer ter aceptado a proposta que se lle fixo hai meses: escribir un libro para o Salón do Libro. A galardoada escritora púxose mans a obra ata rematar “As peripecias de Extravaganzza Pérez” que verá a luz en xaneiro.

“Para min foi un agasallo abrir esta xeira de Salóns do Libro que van a ter como punto central para construir a ambientación un libro. Cando os escritores nos poñemos cun traballo, métemonos na historia e para min foi foi especial saber que todo o mundo ía entrar realmente na miña historia, abrir ese mundo tan individual ao público grazas a ambientación do Salón. Era imposible dicir que non. Estou emocionada. Non sei se sabedes que o Salón do Libro de Pontevedra non ten nada que envexar a salóns de grandes cidades de España, e se o lema de Culturgal é Presume de Cultugal, creo que tamén temos que presumir de Salón do Libro.”

Tal e como desvelou Ledicia, “Extravaganzza, a protagonista da historia, é unha nena moi peculiar: primeiramente porque naceu con lentes, por mor dunha discapacidade visual moi grande que ela suple coa súa forza e valentía. É, como non podía ser doutro xeito, unha amante dos animais e ten unha sensibilidade moi especial no trato con eles. A súa historia, non deixa de ser unha viaxe por ese mundo fantástico no que ela vive”