Ábrese a inscrición para Ludonadal, 190 prazas para nen@s de 3 até 12 anos

135

Compañeirismo, igualdade, solidariedade, respecto á diversidade e por enriba de todo xogo e diversión. Ludonadal, o programa de lecer que organiza a Federación de Asociacións de Nais e Pais (FANPA) de Pontevedra e a Concellería de Educación, oferta 190 prazas –axustábel á demanda se fora necesario-. Destas prazas arredor de 25 están reservadas para nenos e nenas de familias atendidas nos Servizos Sociais, lembrou a concelleira de Educación, Carmen Fouces e outras 10 son para rapaces becados, engadiu o presidente da FANPA, Roxelio Carballo.

Desenvolverase dende o 21 de decembro até o 5 de xaneiro e dende hoxe está aberto o prazo de inscrición.

Os interesados poden anotarse até o 11 de decembro na sede da FANPA (rúa Xan Guillermo, 9) ou no correo electrónico ludotecas@nontedurmas.org. O día 14 publicarase as listaxes de admitidos na web da FANPA nontedurmas.org. Do 14 ao 16 de decembro será o prazo para pagar e o día 18, celebrarase unha sesión informativa sobre o programa en detalle no local a FANPA.

Ludonadal está pensado para nenos e nenas de 3 a 12 anos.

Terá cinco sedes, os colexios públicos de Campolongo, Barcelos (en lingua inglesa), Marcos da Portela, Vilaverde-Mourente e Cabanas-Salcedo. A programación inclúe saídas ao exterior co fin de participar en actividades de rúa ou citas de Nadal programadas en outros espazos.

Teatro de balde

No marco das actividades de lecer para os máis pequenos e coa colaboración da Concellería de Cultura está programada unha sesión de teatro de monicreques de balde para o día 23 de decembro, ás 18 horas a cargo do grupo Tanxarina.

Aínda que a entrada é de balde até completar o aforo, tense que coller o ticket na billeteira.