Comezan a reurbanización da parcela de Pasarón co seu valado para iniciar os traballos

81

O Concello iniciou hoxe os traballos de reurbanización da parcela anexa ao campo municipal de fútbol de Pasarón, co peche da zona, a prohibición de estacionamento, instalación do valado e valeirado de todo o espazo para poder traballar nel en días sucesivos.

Cabe lembrar que a rehabilitación da parcela ten un custe de 169.228 euros e a empresa adxudicataria da obra foi Ediserpo, que ofertou como melloras a reposición do pavimento no cruzamento coa rúa Luís Otero e a pavimentación do camiño da pé que pasa por detrás da grada sur do campo de fútbol.

A parcela ten unha superficie de 3.486 metros cadrados na que se pretende actuar para resolver problemas de estética xeral porque non é o acceso máis acaído para o campo; tamén problemas de accesibilidade; seguranza para crear un espazo onde se sitúen os vehículos de emerxencia necesarios para cando se celebra unha competición deportiva no campo; e crear, tamén, un espazo polivalente.

A obra considera tres ámbitos de actuación:

A creación dunha plataforma de cinco metros de ancho, máis próxima á grada para facilitar o acceso das persoas ao campo. Terá unha rampla de acceso cunha pendente dun 8% dende a rúa Luís Otero. Esta é unha zona con diferentes cotas de altura. Irá pechada cun muro de formigón cunha altura variable, de arredor 1,5 metros.

Unha zona central de estacionamento dos vehículos de emerxencia nos días de encontros deportivos. Nos días nos que non haxa competición, o estacionamento será libre. O acceso a esta parte será pola rúa Luís Otero e tamén pola avenida da Coruña, aínda que non polo acceso actual, senón un pouco máis abaixo.

Unha última será unha zona verde de 1.200 metros cadrados que percorre toda a parcela, dende a rúa Luís Otero até a avenida da Coruña. Levará céspede, rego automático, e soterrarase unha liña telefónica que existe na actualidade. Tamén se eliminará o peche de rede actual e encintarase o muro de pedra.