Chega o Festival Internacional de Cinema de Pontevedra

108

O primeiro Festival Internacional de Cinema de Pontevedra arranca mañá, coa inauguración ás 13.30 horas na Casa da Luz e continuará nesta fin de semana para dar visibilidade aos novos creadores e difundir o seu talento, prestando especial atención á vangarda cinematográfica a nivel internacional.

Esta edición cero inclúe a proxección de cinco películas, un seminario impartido polo cineasta Javier Rebollo: “Só se fai unha primeira película unha vez”; e dous encontros de profesionais e público: “Filmar como respirar. Na procura do primeiro filme” con cineastas e novos realizadores; e “NovosCinemas#NovosMercados” con produtores e distribuidores.

O cineasta madrileño Javier Rebollo presentará nesta edición cero a súa película “O que sei de Lola”. Será no Teatro Principal, onde tamén protagonizará unha sesión especial na que analizara o filme “Os 400 golpes” de François Truffaut.

Ademais destas dúas películas, os que se acheguen ao Festival poderán asistir a tres estreas en Galiza: “Un poeta novo” de Damien Maniel (Francia); “As amigas de Ágata” de Marta Cañas, Carla Linares, Elena Martín e Victoria Serra (España); e “Volta á Terra” (Portugal).

O proxecto é unha colaboración do Concello de Pontevedra, a través da Concellería de Cultura, a Universidade de Vigo e profesionais do sector como o produtor cinematográfico Daniel Froiz, o cineasta Ángel Santos e o programador Suso Novás.

Previsión da organización é convocar a primeira edición deste Festival na primavera do ano que vén.