O Concello xa ten os terreos para construír a futura planta de compostaxe

89

Xa é oficial. O Concello de Pontevedra conta con terreos para a construción dunha futura planta de compostaxe. O alcalde Miguel Fernández Lores asinou hoxe co presidente da Comunidade de Montes da Canicouva, José Luis Parada, o convenio de cesión (aluguer) de dez hectáreas de propiedade mancomunada por 30 anos, a cambio dun canon anual de 2.000 euros/hectárea máis unha renda anual variable de 0,40 euros/tonelada procesada.

“É un caso único, unha comunidade de montes que voluntariamente cede os terreos para construír unha planta de compostaxe” subliñou o alcalde Miguel Fernández Lores, que agradeceu publicamente “a sensibilidade medio ambiental” amosada pola veciñanza da parroquia. “É un paso fundamental” para construír a nova planta de tratamento de residuos orgánicos que, de cumprirse as previsións, tería que estar en funcionamento no 2017, ano no que hai que renovar o contrato do lixo en Pontevedra.

Pola súa banda José Carlos Portela, voceiro dos comuneiros da Canicouva manifestou a súa satisfacción pola sinatura do convenio “nós apostamos pola rendibilidade do monte e este acordo é bo para a parroquia e alégranos que (o acordo) chegue a bo porto” .

Hoxe deuse un primeiro paso pero queda moito por facer: definir o modelo de planta, o estudio de viabilidade, a construción e desenvolver campañas de sensibilización e concienciación social sobre a importancia da reciclaxe e sobre a necesidade de participar dun xeito activo na separación en orixe dos residuos.

“Somos referente no modelo de cidade e este paso adiante (a sinatura do convenio) achéganos á vangarda no tratamento e recuperación de materia orgánica” mantén o alcalde.

Convenio canicouva