Aprobadas as bases dos ARIs para rehabilitar vivendas en Estribela e no centro histórico

65

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá as bases reguladoras das axudas á rehabilitación de edificios e vivendas na área de rehabilitación integral do núcleo de Estribela e do conxunto histórico de Pontevedra. O investimento para estas axudas é de 2.148.924 euros que se destinarán tanto a rehabilitacións privadas como a acondicionamento do espazo público.

Segundo explicou esta mañá o portavoz do Goberno, Raimundo González, para o barrio de Estribela están previstas axudas valoradas en 219.268,72 euros, dos cales o Ministerio de Fomento achegará 76.684 euros e o resto os particulares.

No Centro histórico, as axudas serán de 1.437.000 euros, dos cales o Ministerio de Fomento achegará 50.3.000 euros e o resto correrá a cargo dos particulares.

As bases entrarán en vigor unha vez que saian publicadas no Boletín Oficial de Pontevedra (BOP) -será nesta semana ou na que vén- e os interesados terán un prazo de 30 días naturais para presentar as súas solicitudes. As bases fixan que o máximo de financiación será do 35% do proxecto, pero nunca poderá superar a contía de 11.000 euros.

No ámbito privado pódense facer arranxos nas fachadas, cubertas e na carpintería exterior; arranxos nos espazos comúns; e en vivendas.

Obras no ámbito público

No ámbito público, está previsto a reforma das rúas Pratería vella (92.000 euros) e Tristán de Montenegro (88.000 euros), así como inversións no xacemento ao ar de Valentín García Escudero (44.000 euros), onde está previsto mellorar o peche perimetral, a sinalética e a iluminación. Tamén se farán inversións públicas en rúas de Estribela para rematar a rúa do Mercado (24.800 euros), a rúa da Comboa e unha parte de Marqués de Valterra (31.250 euros).