Lores esíxelle a Rajoy que non outorgue a prórroga a Ence cun goberno en funcións

161

“Pedímoslle que non outorgue aprórroga a Ence e esixímoslle que esa trascendente decisión non a adopte un goberno en funcións”. Con esta petición remata a carta que lle enviou o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy.

Fernández Lores  trasládalle ao presidente en funcións “a inmensa preocupación do pobo de Pontevedra en relación á posibilidade de que o goberno que vostede preside poida cometer un erro histórico que hipoteque o futuro da nosa cidade e da nosa ría: a prórroga da concesión do Grupo empresarial Ence. Un erro que, de cometerse, tería unha repercusión negativa semellante, e mesmo maior, que o cometido o 13 de xuño do 1958, hai xa 57 anos, polo goberno de Francisco Franco, outro cidadán de orixe galega e de infausta lembranza para esta comarca”.

Ante esta realidade “coidamos que a concesión en vigor debera terse declarado totalmente caducada polo que non renunciaremos a defender esta postura en todas as instancias” engade na misiva o alcalde, quen lembra que mais que “non se pode cuestionar é que o capital privado que mercou as accións era coñecedor do prazo de caducidade que condicionaba mesmo o prezo de adquisición; pola contra, a prórroga suporía tamén un inxustificábel agravio comparativo con miles de empresas e emprendedores aos que ninguén lles regala o solo que ocupan.

“ Nas súas mans está que non se cometa un segundo erro imperdoábel e irreversíbel para o noso futuro ”subliña Miguel Fernández Lores para quen “aínda hai tempo para que a empresa marche antes de 2018 a unha localización alternativa fóra da Ría de Pontevedra que permita, asemade, cambiar a tecnoloxía, culminar o ciclo produtivo e crear novos postos de traballo. E se así o decide, terá todo o noso apoio para a recuperación do espazo marítimo-terrestre de Lourizán”.

Carta Rajoy Ence