Avanza a Estratexia urbana para solicitar os fondos Feder en xaneiro de 2016

92

A Estratexia Urbana que elabora o Concello de Pontevedra para solicitar os fondos Feder terá que estar lista o vindeiro 13 de xaneiro. Neste momento estase a presentar a distintas entidades sociais así como a grupos políticos para que fagan as súas achegas a este proxecto. Hoxe foi presentado na Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos para que os grupos políticos fagan propostas que se presentarán na vindeira comisión, prevista para dentro de dúas semanas.
O concelleiro Luís Bará, presidente da Comisión, explicou que o Concello ten opción a obter 18.7 millóns de euros, dos cales 15 millóns procederían dos fondos europeos, e o resto serían achegas do Concello.

O Concello está a elaborar unha estratexia baseada no seu modelo urbano, que coincide cos modelos que está a promover a Unión Europea: as cidades sustentables, intelixentes e integradoras.

Para facer esta estratexia, que cada día está máis avanzadas grazas ás achegas que se fan nestas reunións sectoriais, hai que marcar un espazo de traballo. No caso de Pontevedra é o entorno do río, dende a zona norte do centro histórico, o Burgo, Mollabao, así como a zona sur da cidade en espazos como San Brais, Lourizán, Tomeza, Salcedo, Marcón e tamén Ponte Sampaio e Canicouva, como parroquias integradas no Parque da Fracha.
Está previsto consolidar os centros de centralidade parroquial, como no caso de Salcedo; actuacións en barrios como no Burgo ou en Mollabao (3 millóns de euros); substitución de fontes enerxéticas nos equipamentos deportivos municipais: pavillón municipal dos deportes, o pavillón do centro sur e os centros sociais da área incluída nesta estratexia; o parque forestal da Fracha (600.000 euros); mellora do entorno do Gafos: ponte do Couto (1 millón).

Outros proxectos incluídos dentro da cidade integradora son algúns como a rehabilitación do centro histórico e da contorna da praza de abastos como a creación do Mercado de novos creadores ou a creación do Food Lab Marquet, nos espazos valeiros do Mercado de Abastos. Tamén están previstas outras partidas como 200.000 euros para igualdade ou 200.000 euros para a creación dun Laboratorio da Infancia.