Concello e Secretariado Xitano, derrubando muros e prexuízos

73

Formación e integración laboral e educación son os dous eidos nos que traballan arreo a Fundación Secretariado Xitano e o Concello de Pontevedra. “Son a mellor maneira para derrubar muros, estereotipos e prexuízos” subliña a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces quen fixo balance con María José Obelleiro, coordinadora da fundación das accións realizadas no ano e do seu alcance.

Trátase dun traballo conxunto que ten como obxectivos dar pulo a formación, ao desenvolvemento persoal e a integración social da comunidade xitana, que en Pontevedra suma máis de 800 persoas. O Concello pon a dispor da Fundación instalacións na Casa Azul e ademais conta este cun orzamento municipal de 23.650 euros.

Como organización integrada na Redeaxuda recibiu 2.900 euros a cargo do Premio ONU-Hábitat outorgado a Pontevedra polo seu modelo de cidade e cuxa contía foi repartida entre os integrantes desta rede municipal. Secretariado Xitano adicou os cartos a un obradoiro de alimentación sa, cociña e recomendacións útiles paro o fogar.

O programa municipal de seguimento escolar e compensación educativa externa para a comunidade xitana de Pontevedra é o mellor exemplo de colaboración Concello-Secretariado Xitano. Actúa en tres eixos complementarios: asesoría técnica aos servizos sociais municipais para combater as condutas absentistas na escola; aulas de reforzo educativo e para estruturar o tempo extra escolar e mediación entre as familias e centros educativos para previr o absentismo e abandono escolar no ensino obrigatorio.

Neste ano o programa de seguimento escolar coordinouse con 12 centros educativos do municipio, traballándose con 68 estudantes e 44 familias. Unha vintena de alumnos e alumnas recibiron asistencia nas aulas de reforzo.

Por outra banda e co fin de acadar que os estudantes de etnia xitana rematen a educación secundaria obrigatoria (ESO) está en marcha o programa “Promociona” no que están apuntados 16 adolescentes para o actual curso académico 2015-2016. Deles once son chicas e cinco chicos, unha circunstancia que é valorada pola concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces quen ve nela un paso adiante cara a unha sociedade máis igualitaria.

Respecto a formación e integración laboral, dende a Fundación Secretariado Xitano promóvense iniciativas formativas que inclúen prácticas laboráis e a procura activa de emprego. O balance co 2015 (aínda sen pechar) presentado por María José Obelleiro fala de 162 persoas atendidas no programa de acceso ó mundo do traballo “Acceder”; de 51 contratos formalizados por 38 persoas. Servizos municipais como cemiterios, xardíns ou obras acolleron recibiron algúns destes contratados.

As accións formativas laborais desenvolvidas pola Fundación Secretariado Xitano foron as seguintes: dinamizador/a de actividades infantís (9 persoas), novas tecnoloxías para o emprego (13 persoas), peón forestal (14), dous curso de operario de carretillas elevadoras (23), operador de aparatos elevadores (7), dous cursos de manipulador/a de alimentos, alérxenos e intolerancias alimentarias (25) e auxiliar de carnicería, chacineríae peixería.