Conferencia de Alberte Reboreda sobre a toponimia de Pontevedra no IES A Xunqueira I

81

Alberte Reboreda Carreira ofrecerá mañá xoves, día 17 de decembro, unha conferencia sobre a toponimia de Pontevedra no IES A Xunqueira 1. Será ás 12 horas, no salón de actos do centro de ensino, e nela participarán arredor de 100 estudantes de 1º de bacharelato. Esta conferencia está organizada pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e o ENDL do IES A Xunqueira 1, dentro do proxecto Chamámonos Así.

            O Concello de Pontevedra puxo en marcha este proxecto para recoller, manter, pór en valor e difundir a riqueza toponímica de Pontevedra, como parte fundamental do noso rico patrimonio inmaterial. Coñecer a historia dos nomes das aldeas, dos camiños, das eiras, dos foxos, dos penedos, dos ríos … axuda a comprender e descubrir a nosa lingua e constitúen unha parte fundamental do noso herdo.

            Alberte Reboreda é experto en patrimonio, aínda que no seu traballo sempre presta unha especial atención ao eido da toponimia. Dentro do proxecto Chamámonos Así recolleu a toponimia de Santo André de Xeve e Ponte Sampaio, colaborou no blog do proxecto Chamámonos Así e traballou nos textos e nos contidos da exposición do mesmo nome que organizou o Concello de Pontevedra no mes de maio, a primeira grande mostra divulgativa sobre toponimia que se fixo en Galicia. Ademais é colaborador habitual na prensa escrita con artigos sobre patrimonio e toponimia e imparte charlas sobre estes temas dirixidas a diversos públicos.

Recursos sobre toponimia do Concello de Pontevedra:

            Base de datos cos topónimos recollidos nas parroquias de Pontevedra:

http://www.pontevedra.eu/snl/datostoponimia/

            Contidos da mostra “Chamadeiros de Pontevedra”:

http://www.pontevedra.eu/publicacions/chamadeiros/