Plan de tráfico ordinario de Nadal dende mañá até o 7 de xaneiro

102

A Policía Local pon en marcha mañá o Plan ordinario de tráfico de Nadal que se manterá na cidade até o vindeiro 7 de xaneiro, ambos días incluídos. O propósito deste plan é axilizar o tráfico motorizado e favorecer o tráfico peonil que se intensifica considerablemente nestas datas de Nadal.

A concelleira de Seguridade Civil, Carme da Silva e o intendente principal, Daniel Macenlle pediron esta mañá que se evite acceder á zona centro da cidade con vehículo privado, agás que se trate para facer un servizo, e se empreguen os estacionamentos periféricos, así como todas aquelas bolsas de aparcamento novas como as rúas das parcelas de Tafisa.

A Policía Local centrará os seus esforzos en puntos quentes como Uxío Novoneira, Cobián Areal, Benito Corbal, Castelao, Cobián Roffignac; a praza de Barcelos; e tamén todo o anel de beiramar.

No caso da praza de Barcelos, está previsto adoptar medidas unha vez que o estacionamento estea ao 100% da súa capacidade, será invertindo as entradas, e pode chegar, incluso, á pechar o acceso á rúa Perfecto Feijoo para evitar o colapso de beiramar.

Outro punto quente do tráfico é o cruzamento de Javier Puig con Benito Corbal, debido á gran número de persoas que se poden confluir neste punto. Por iso é probable que nalgún momento se peche ao tráfico a rúa Javier Puig dende San Antoniño.

Tamén estarán pendentes en outros puntos como Sagasta, a glorieta de Bos Aires con Pai Amoedo -para dar saída ao parking de Barcelos-, José Malvar coa Seca; Doce de novembro con Teixoeira; Eduardo Pondal con Uxío Novoneira.

Tamén terá unha especial vixiancia á saída do nó do Pinto -polas avenidas de Vigo e Josefina Arruti-  para evitar o colapso de Fernández Ladreda e a avenida da Estación.

As datas máis complicadas serán o 24 e 31 de decembro e 5 de xaneiro. E terán risco medio os días 22 – 23 de decembro, 28 – 30 de decembro, e o 4 de xaneiro.