Ponteatro pecha con excelentes cifras de asistencia ás 8 obras que se representaron ao longo de 3 meses

58

O ciclo teatral “Ponteatro” finalizou onte a súa edición 2015 superando en cifras de asistencia a pasada edición. 8 foron os espectáculos que tiveron lugar ente outubro e decembro, todos eles no Teatro Principal, e 11 as representacións que se fixeron en total se temos en conta as concertadas con escolares.

Entre elas, cabe destacar a incorporación dos “Venres Golfos”, que pese a celebrarse por 1ª vez e ser formatos especiais, en horario pouco habitual, contarón cunha media de 134 espectadores por función.

Pola súa banda, os espectáculos dos xoves, acadaron unha media de 304 espectadores, que supuxo un 70% do aforo e un incremento dun 60% respecto ao aforo medio do 2014.

A comedia, o drama, o realismo máis cru, as situacións máis incribles, etc. foron representados nos 8 espectáculos da man de Teatro do Morcego, Ilmaquinario Teatro, Mofa e Befa, Teatro do Atlántico, Redrum Teatro, Voadora, Antón Coucheiro e Cinema Sticado. Unha selección de compañías variadas que fixeron as delicias do numeroso público e manifestaron estar encantadas de actuar en Pontevedra e gozar da enorme aceptación da poboación, acostumada a participar desde tipo de programación cultural.

A valoración é igualmente positiva por parte dos centros escolares que un ano máis responderon encantados á oferta teatral e se achegaron de toda a provincia de Pontevedra e máis aló (Noia, Ponte Caldelas, Vilalonga, Redondela,Vigo, Marín, Bueu, Barro etc), xa que a consideran unha oportunidade moi asequible de achegar ao teatro ao público máis novo, con todos os beneficios que isto supón, xa que varias das representacións contaban con unidades didácticas sobre as que traballar.

Por orde de representación os espectáculos foron: “Presidente”, “Perplexo”, “Psicópata” (venres golfo), “Bobas e Galegas”, “O principio de Arquímides”, “STRPTS” (venres golfo), “Noiteboa” e “WALTZ”.

Por número de asistentes, “Bobas e Galegas” foi o que contou con máis público, seguido por “Presidente” e “Perplexo.” Foron numerosas as críticas positivas e parabéns que chegaron á organización a través do público, destacando a variedade e a calidade dos espectáculos seleccionados, así coma os prezos asequibles das entradas e abonos que permiten un achegamento xeneralizado ao teatro.

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, manifestou a súa satisfacción sobre os datos acadados, que garanten a permanencia deste ciclo e motivan que se continue programando neste sentido.