A música reivindicará o seu papel de axente e industria cultural na Casa da Luz

112

Músicos, promotores, produtores, críticos e axentes, protagonistas todos da escea musical da cidade, daranse cita mañá, ás 20.30 horas, na Casa da Luz. Unha gala, conducida polo humor de Lijó e Meixide, dará a coñecer o que se está a facer no eido musical local con entrevistas e interactuando co público.

A presentación é un evento máis de Pontevedra ten un puntazo, a marca coa que a Concellería de Promoción Económica e da Cidade quere dar visibilidade ao mundo da creatividade, innovación, dinamización e produción cultural que pode facer – e xa fai- da capital un referente na industria cultural de Galiza e máis alá, un nicho de posibilidades empresariais e laborais.

A música é un axente cultural máis e nesta presentación de Pontevedra ten un puntazo reivindica esta condición.

Na presentación da escea musical pontevedresa terán un papel destacada o Local de Música de Pontevedra, onde os músicos novos teñen o seu local de ensaio e actividades de formación e promoción dos seus grupos, e a Asociación Ferve, que naceu para defender os dereitos dos músicos e apoiar o fomento e a difusión da cultura musical.

A gala concluirá cun concerto acústico de Cora Sayers.