Patrimonio autoriza a declaración “condicionada” de ruína do Pazo Mariño de Lobeira

84

A Comisión Territorial de Patrimonio Histórico da Xunta de Galicia acordou autorizar a declaración de ruína do Pazo Mariño de Lobeira, situado na rúa César Boente, condicionada á presentación dun proxecto de demolición e consolidación de certas estruturas e dun proxecto de reedificación. Os propietarios teñen seis meses de prazo por diante para a presentación dos proxectos de acordo co Peprica.

Este acordo deixa a porta aberta á demolición parcial do edificio sempre condicionado a presentación e aprobación dos proxectos, explicou a saída da reunión o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará.

A declaración de ruína do Pazo Mariño de Lobeira no ámbito do Peprica é unha demanda da propiedade e que conta co respaldo do Concello, que ten na recuperación do seu patrimonio un dos seus eixos prioritarios de actuación. Ademais o grave e crecente deterioro do inmoble supón un risco para a seguridade e un foco de insalubridade.

O inmoble sufriu varios desprendementos no ano 2011 polo que o Servizo de Disciplina Urbanística ordenou a desmontaxe parcial da cuberta e o seu valado. O que se fixo aínda que non evitou que neste tempo fora usado como vivenda por distintos okupas e que o deterioro seguira avanzando.

No Pazo de Lobeira, unha construción do século XVI e radicado no número 6 da ría César Boente, morreu Tristán de Montenegro. O edificio ten certo aspecto defensivo e é unha peza importante da trama urbana de Pontevedra como transición entre espazos e como peche da praza da Pedreira, unha das máis emblemáticas da cidade.

A Comisión territorial tiña tamén na súa orde do día unha petición do sindicato UGT para a demolición dunha pequena construción no patio interior do edificio sindical da rúa Pasantería, tamén catalogado no Peprica. Patrimonio deu luz verde a demolición pero esixe o mantemento do xardín e da palmeira existentes.