Pontevedra amosa que ten un puntazo musical

92

A Casa da Luz converteuse novamente no centro da creatividade pontevedresa grazas á Asociación Pontevedra Ferve, formada pola canteira de novos grupos musicais da cidade e que ten como obxectivo defender os dereitos dos músicos e apoiar o fomento e a difusión da cultura musical.

A actuación do coro Vía Sete deu o pistoletazo de saída a unha noite onde músicos, promotores, produtores, críticos e axentes, protagonistas todos da escea musical da cidade se deron cita. O grupo humorístico-musical “Os da Ría” foi o encargado de entrevistar aos invitados, entre os que estaban Marcos Rodríguez, presidente de Pontevedra Ferve e membro do grupo Vortex; Demetrio Gómez, concelleiro de Xuventude; e músicos locais coma Cora Sayers, Carlos García de La Casa de los Ingleses e Amal Dev Shamar, que achegaron a súa particular visión do mundo musical pontevedrés.

O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, manifestou que Pontevedra é “un fervello musical que se ten convertido nun referente para grupos emerxentes e concellos da contorna”, así mesmo quixo deixar patente o papel fundamental que iniciativas coma o Pontevedra ten un puntazo xogan na visibilidade da creatividade da nosa cidade.

Pola súa banda, Marcos Rodríguez, presidente de Pontevedra Ferve e membro do grupo Vortex, quixo agradecer a labor do Local de Música como apoio constante e fundamental para a carreira profesional dos músicos e grupos pontevedreses; de feito “nós grazas a eles estamos a piques de sacar o noso segundo álbum”. Cora Sayers fixo un chamamento á cidadanía para que acheguen aos concertos de grupos da cidade e coñezar de primeira man os seus traballos “xa que os grupos que todos escoitamos e seguimos nalgún momento foron músicos locais coma nós” .

O vocalista e batería de La Casa de los Ingleses, Carlos García tamén quixo agradecer a papel do Local de Música “sobre todo neses primeiros momentos en que comezas co grupo e non contas nin con instrumentos ou local onde reunirte”.  Mentras Amal Dev Shamar, músico chegado de Londres e afincado en Pontevedra, resaltou a calidade e variedade musical da escena local e animou ás autoridades e diferentes axentes locais implicados a seguir apostando polo talento do nosos músicos.

 A gala tamén serviu como peche das accións formativas prácticas que organizou o Local de Música, ao abeiro de Pontevedra ten un puntazo durante os últimos meses. Accións que serviron para axudar aos músicos pontevedreses a conectarse co mundo profesional e que contaron coa participación de profesionais en activo na industria musical de recoñecida valía a nivel estatal. Sen dúbida o Local de Música tense convertido nun dos axentes culturais principais da nosa cidade.

Un concerto en acústico da artista pontevedresa Cora Sayers puxo o broche de ouro a unha noite onde a música e o talento artístico foron os verdadeiros protagonistas.

Tódolos interesados en coñecer máis de preto aos músicos locais, poden achegarse á exposición fotográfica que acollerá a Casa da Luz ata despois do Nadal.

Esta presentación é un evento máis de Pontevedra ten un puntazo, a marca coa que as concellerías da Cidade e Cultura queren dar visibilidade ao mundo da creatividade, innovación, dinamización e produción cultural que pode facer – e xa fai- da capital un referente na industria cultural de Galiza e máis alá, un nicho de posibilidades empresariais e laborais.