Carlos Solla e o Mace Sport, únicos candidatos ao premio Cidade de Pontevedra

73

Até o día 5 de xaneiro está aberto o prazo para a presentación de candidatos aos premios Cidade de Pontevedra, que se entregarán o vindeiro 20 de xaneiro, coincidindo co patrón da cidade San Sebastián.

Até hoxe as candidaturas presentadas son as seguintes:

  • Carlos Solla, presentado por Vaipolorío
  • Club de Taekwondo Mace-Sport, presentado pola Asociación galega de Wallball e Paddleball

            As bases do premio son as seguintes:

Julio Dapena Outomuro, Secretario Xeral do Concello de Pontevedra.

Certifico: que o Pleno da Corporación, na sesión ordinaria que tivo lugar o día vintecinco de novembro do ano dous mil, adoptou o seguinte acordo:

  1. PREMIOS CIDADE DE PONTEVEDRA: MODIFICACIÓN DAS BASES REGULADORAS DA CONCESIÓN DOS PREMIOS CIDADE DE PONTEVEDRA .

Dáse conta do dictame, favorable por unanimidade, da Comisión Informativa Permanente de Política Social e Promoción do Benestar, sobre a modificación das bases reguladoras da concesión dos Premios Cidade de Pontevedra.

Rematado o debate, o Pleno da Corporación, por unanimidade e de conformidade co dictame da Comisión Informativa Permanente de Política Social e Promoción do Benestar, acorda aprobar a modificación das devanditas bases, sendo o texto íntegro das bases modificadas o seguinte:

Preámbulo:

Os Premios Cidade de Pontevedra teñen como finalidade galardoar o relevante labor desenvolto na modalidade individual por unha persoa física e, na modalidade colectiva, por persoas xurídicas (asociacións, entidades ou colectivos de caracter cultural, social xuvenil, empresarial, etc..). O xurado terá en conta e valorará especialmente o labor desenvolto no ano que corresponda.

  • Dos galardoados:

            Concederanse os seguintes premios:

  • A unha persoa física vencellada, dalgún xeito, ao municipio de Pontevedra e os seus habitantes.
  • A unha persoa xurídica, asociación, entidade ou colectivo que teña desenvolto un labor de especial proxección cara Pontevedra e os seus habitantes.

Para cada unha das modalidades comprendidas nos apartados A) e B), outorgarase un único premio, que consistirá nun Teucro de prata e un diploma.

  • Da proposta de candidatos:

O Concello de Pontevedra fará pública unha convocatoria para a presentación de propostas nas que se sinalará o prazo, dándoselle a oportuna publicidade para o coñecemento de tódolos cidadáns.

Dito prazo de presentación de candidaturas comezará o día 5 de decembro do ano en curso, e rematará o día 5 de xaneiro do ano seguinte.

Os candidatos, a ámbalas dúas modalidades, poderán ser propostos por calquera asociación, institución, entidade ou colectivo do municipio de Pontevedra; sen que poida ningunha delas propoñerse a ela mesma. Ditas propostas serán presentadas no Rexistro do Concello. Nelas sinalaranse tódolos datos posibles do candidato ou candidatos propostos. Deberase adxuntar, asimesmo, unha memoria xustificativa que saliente a traxectoria persoal e profesional de cada un dos candidatos propostos.

As persoas físicas ou xurídicas propostas deberán sempre ter coñecemento da súa candidatura.

  • Do xurado:

            3.1. Do Presidente do xurado: a presidencia a ocupará o Ilmo. Sr. Alcalde, co seu voto de calidade, quen a poderá delegar no Presidente da Comisión Municipal Informativa da área correspondente. Actuará como secretario o titular da corporación ou o funcionario en quen este delegue.

            3.2. Dos Vocais: o xurado estará composto polos membros da Comisión Informativa da área correspondente, incluído o presidente da mesma. Representarán, de xeito proporcional, aos distintos grupos municipais; asimesmo, formarán parte do xurado cualificador dos Premios Cidade de Pontevedra, un representante elixido entre as asociacións veciñais, outro entre as culturais e un terceiro entre os medios de información con representatividade no municipio. Ditos representantes poderán selo por un só período, aínda que poderán ser ratificados ou reelixidos.

  • Da elección dos candidatos:

Unha vez rematado o prazo de presentación de propostas, o xurado fixará a primeira das súas reunións, ao longo da semana seguinte á da finalización do prazo de presentación de candidaturas, co fin de analizar as propostas existentes. Procederase ao estudo, polo miúdo, da biografía e do currículo de cada un dos candidatos propostos.

Tódolos membros do xurado tratarán de consensuar, de maneira unánime o outorgamento dos premios;  de non ser así, deberá chegarse á obtención dunha maioría cualificada de dous tercios.

Se o xurado, na primeira reunión, non chegase a unanimidade ou a unha maioría cualificada de dous tercios, poderán propor outros candidatos nunha segunda sesión, sempre que sexa por unanimidade, tanto a proposta como a elección.

Asimesmo, poderase deixar deserto o premio.

Unha vez realizada a votación, e elexidos os premiados, o xurado gardará segredo sobre as deliberacións da sesión.

  • Da entrega de premios:

Unha vez que o xurado acorde os premios, a corporación municipal, en sesión plenaria, prestará aprobación aos mesmos; esta decisión será inapelable.

A corporación comunicaralles aos galardoados a concesión dos premios.

Os premios serán entregados na sesión extraordinaria de honras que, para tal efecto, ten lugar tradicionalmente o día 20 de xaneiro, festividade de San Sebastián.

Disposición Final:

En todo aquilo que non se prevexa nas presentes bases, facúltase ao xurado cualificador para a súa interpretación e resolución.

O feito de presentar propostas aos Premios Cidade de Pontevedra supón a total aceptación das presentes bases.

E para que conste, coa salvidade á que se refire o artigo 206 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, expido a presente certificación de orde e co visto e prace do Sr. Alcalde, en Pontevedra a trinta de novembro do ano dous mil.