Pontevedra estuda celebrar o Mundial junior de balomnán en 2019

88

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro mantiveron esta mañá unha reunión cos presidente das federacións española e galega de Balonmán para abordar a posibilidade de que Pontevedra acolla entre xullo e agosto de 2019 a fase previa do Campionato do mundo Junior de balonmán. As federacións tamén se achegarán até Vigo para coñecer se estaría disposta a participar neste campionato.

As datas do mundial serían do 23 de xullo ao 4 de agosto. O alcalde recoñeceu que non son datas moi atractivas para o Concello de Pontevedra dado que está a cidade en pleno auxe turístico e porque poderían chegar a coincidir co calendario do Festival de Triatlón que acollerá a cidade nese ano.

No Campionato do Mundo participarán 24 equipos, que serán distribuídos en 4 grupos de seis. Pontevedra acollería dous grupos así como as fases clasificatorias e, posiblemente, tamén as finais.

Como compensación, as federacións española e galega tamén ofreceron a posibilidade de que do 1 ao 7 de xaneiro de 2018, o Concello celebre o Campionato de España por comunidades no que participan arredor de 2.600 deportistas nas categorías infantil, cadete e xuvenil. Así como o Torneo internacional de España (absoluto) que tamén sería un importante reclamo turístico para a cidade.

O alcalde destacou a proxección que tería a cidade no caso de acoller esta competición, pero emprazou aos presidentes das federacións a mediados do mes de febreiro para dar unha contestación definitiva a esta proposta.