Xaneiro arrancará con melloras e obras en parques, rúas e na senda da praia fluvial

94

Logo do Nadal, o Concello de Pontevedra iniciará traballos e obras en distintos puntos da cidade, tanto na mellora dos xardíns e espazos públicos, como realizando pavimentacións de rúas, segundo explicou esta mañá o concelleiro de Obras, Luís Bará.

            No calendario de obras están previstas as seguintes actuacións:

  • Arranxar as beirarrúas e os xardíns da avenida da Estación –xunto a tenda de Xaime Trigo- cun orzamento de 60.444,18 euros. Foi un espazo que quedou pendente de intervención, logo da inauguración da avenida Josefina Arruti.
  • Retirada de moreiras no primeiro tramo da rúa Fernando II, e substitución por outras árbores que non cause molestias aos veciños. Ao parecer, estas especies teñen un insecto que fai que non se poda ir baixo estas árbores.
  • Melloras no arborado urbano coa retirada de árbores secas, en mal estado, enfermas… en zonas como Xoán Carlos I, Valdecorvos, Eduardo Pondal, Teixoeira, Salgueiriños, praza da Música… Son unhas 50 árbores en diferentes zonas da cidade. Tamén se repararán alcorques. Esta actuación farase a cargo da empresa concesionaria de xardíns así como da empresa encargada de facer as reparacións urbanas.
  • Pavimentacións en zonas do Campo do Boi, praza de Europa, avenida de Bos Aires, Alexandre Bóveda… Estas pavimentacións dependerán da climatoloxía.
  • Completar a actuación da senda cara a praia fluvial coa mellora da beirarrúa, que na actualidade está en mal estado e a diferentes niveis. O orzamento desta actuación será de 28.000 euros.

O concelleiro de obras urbanas e de xardíns, Luís Bará informou esta mañá, tamén, sobre a situación do Picudo vermello no municipio de Pontevedra. Na actualidade a maior parte das afeccións están rexistradas na parroquia de Lourizán. Alí o Concello tivo que talar dúas palmeiras, e hai outras afectadas tanto no ámbito público como no privado.

O Concello está en permanente comunicación coa Xunta de Galicia, para poder actuar nestas árbores, e tamén está aplicando un tratamento preventivo ás árbores máis singulares e aos parques máis emblemáticos da cidade, especialmente nas Palmeiras para evitar que se vexa afectada.