Os orzamentos municipais, aprobados definitivamente ao non haber alegacións

73

Rematado co ano o prazo de presentación de alegacións aos orzamentos municipais – aprobados inicialmente no Pleno cos votos do BNG- quedan aprobados dun xeito definitivo pendente só da publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do documento.

O concelleiro de Facenda e portavoz municipal do Goberno local, Raimundo González dixo que xa mandara a comunicación ao BOP. “Congratulámonos de que, aínda que os motivos de alegacións sexan regulamentados, non teñamos que celebrar outro Pleno para a aprobación definitiva” indicou González Carballo, quen agradeceu “o espírito construtivo” da oposición que tiña a porta aberta a someter de novo os orzamentos a votación da Corporación, con independencia de que as alegacións foran informadas a favor ou en contra polos servizos técnicos.

O Concello de Pontevedra conta para este ano 2016 cun orzamento de máis de 71,9 millóns de euros o que supón un incremento do 3,5% respecto aos do ano pasado.