Peonalización de Castelao e reformas do Gorgullón e Loureiro Crespo, prioridades para o Goberno en 2016

91

O Concello de Pontevedra de Pontevedra ten programado un Plan de obras urbanas para o ano 2016 que foi presentado esta mañá na Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos por parte do concelleiro de Obras, Luís Bará.

O Plan está dividido en tres grandes actuacións:

  1. Obras de reforma urbana integral
  2. Obras de mellora da accesibilidade, seguranza viaria e mobilidade na contorna de centros educativos, centros de saúde, equipamentos deportivos…
  3. Obras de mellora da mobilidade, accesibilidade e seguranza viaria no ámbito urbano.

Dentro das primeiras –Obras de reforma urbana integral– atópanse a mellora do eixo do Camiño de Santiago, dende a rúa Gorgullón e Virxe do Camiño, até a Ponte do Burgo e a rúa da Santiña.

A primeira das actuacións é a prioritaria neste ano, polo que o Goberno xa encargou aos técnicos municipais o traballo da redacción dos proxectos de reforma integral da rúa Gorgullón -dende a rúa do Muíño- e Virxe do Camiño, para resolver graves problemas de mobilidade peonil na rotonda de Uxío Novoneira con Eduardo Pondal, ou os que hai na rúa Virxe do Camiño, con beirarrúas moi estreitas.

No resto da rúa Gorgullón, aínda por urbanizar na súa totalidade, o Concello pretende mellorar as beirarrúas e reordenar os estacionamentos, para mellorar a mobilidade en todo este ámbito.

No tocante á ponte do Burgo e á rúa Santiña, está incluída dentro do proxecto da Estratexia Urbana que o Concello presentará mañá aos fondos europeos Feder. De non ser concedido, o propósito do Goberno é abordar a mellora deste espazo, aínda que plurianualmente.

Outro dos eixos das reformas urbanas integrais é Loureiro Crespo-O Castañal, onde a reforma que se está a abordar na praza do Hospital prolongarase até Doce de novembro. Este proxecto tamén se redactará nesta anualidade. Unha segunda parte do proxecto é a reforma de Doce de novembro, cara a avenida de Lugo e todo o barrio do Castañal. Este proxecto está incluído na Estratexia urbana.

Outras obras incluídas dentro das reformas integrais son:

  • Javier Puig e José Millán, que están en proceso de contratación.
  • Pratería vella, Tristán de Montenegro e Eirado Álvar Páez, que se farán a cargo dos fondos das Área de Rehabilitación Integral do Centro histórico
  • Outras actuacións, no caso de obter os fondos Feder

As obras de mellora da accesibilidade, seguranza viaria e mobilidade na contornas dos equipamentos públicos serían:

  • Melloras na contorna do hospital Montecelo
  • Melloras na contorna do centro de saúde e da escola infantil da Parda
  • Melloras na contorna do centro de saúde de Monte Porreiro
  • Mellora na contorna do Pavillón Municipal dos Deportes
  • Mellora na contorna do colexio Marcos da Portela.

Dentro das obras de mellora da mobilidade, accesibilidade e seguranza viaria no ámbito urbano estarían:

  • Zona centro: peonalización ca rúas Castelao e Cruz Gallástegui, ampliación de beirarrúas en Benito Corbal (até o Hospital) e reordenación da rúa Sagasta. Este proxecto poderase acometer este ano. Esta actuación iría acompañada da reordenación do tráfico de toda a zona.
    • Na zona centro tamén está previsto a habilitación dun gran paso de peóns entre a rúa Peregrina, Praza de Compostela e Frei Xoán de Navarrete ante o intenso tráfico de peóns da zona.
  • O Castañal – A Parda: Ricardo Portela, parque das Camelias, Maruxa Mallo, Pedra do Lagarto, Conde Bugallal e xulgados.
  • A Moureira: Ribeira dos Peiraos e Campo do Boi e rúas adxacentes, que se atopan nun estado moi deteriorado.
  • Barcelos: contorna do colexio de Barcelos, rúa do Rouco e Praza de Barcelos onde o Goberno pretende buscar alternativas para conectar o centro de ensino coa praza, de tal xeito que poida ser o seu “patio de xogos”.
  • Monte Porreiro: praza de Europa, rúas Portugal e Suecia
  • Médico Ballina: traballos de seguranza viaria e accesibilidade, e posta en marcha da área recreativa e de lecer.

Ambulancias e Urxencias do Hospital

Tamén relacionado con obras, e incluído dentro da Comisión, abordouse  a solución achegada polos técnicos municipais para que as ambulancias poidan maniobran con facilidade para saír das urxencias do Hospital Provincial. Aínda que a recomendación da Policía Local é que o Sergas habilite un espazo dentro da parcela do Hospital para facer esta maniobra, dado que circular cara atrás nunha rúa urbana é ilegal.

Mellora da iluminación nos pasos de peóns de beiramar

Outro asunto abordado na Comisión de Mobilidade foi a mellora da iluminación pública dos pasos de peóns situados entre as pontes da Barca e dos Tirantes, especialmente do que se atopa preto da ponte do Burgo, porque de noite e en xornadas de moita chuvia existen problemas de visibilidade.

Tamén se mellorará a seguranza viaria do paso de peóns da Ponte de Santiago no que foi atropelado un ciclista. Na calzada instalarase un pavimento máis rugoso para dar conta que se achegan a un espazo onde hai que estremar a precaución; e no carril-bici tamén se instalarán ben sinalización ou ben bandas rugosas para advertir a ciclistas e peóns que neste espazo hai que transitar con precaución.

Moción de Marea Pontevedra

A Comisión de Mobilidade tamén ditaminou por unanimidade unha moción de Marea Pontevedra que propón a mellora da accesibilidade en toda a cidade. O Goberno comparte esta proposta partindo da base de que “queda moito por facer”. De feito, os premios que recibe a cidade de Pontevedra “son un estímulo para seguir traballando neste sentido”.

Afondando neste ámbito, o Concello organizará en vindeiras datas dúas sesións formativas e de sensibilización destinadas a especialistas. A primeira está pensada para técnicos municipais e de empresas para saber como se abordan as obras dende o punto de vista da discapacidade. De feito estaría impartida por un representante de Cogami; e a segunda estaría destinada a profesionais que elaboran os proxectos de locais comerciais, hostalería… que soen ter moitas deficiencias sobre os requisitos da accesibilidade universal.

Ademais, o Concello pretende iniciar neste ano un traballo de mellora da sinaléctica para colectivos de discapacitados tanto en edificios públicos como en equipamentos municipais, xa que en moitas ocasións non son códigos de fácil comprensión.