Comezan os traballos para levar o carril-bici até o campus universitario

99

O Concello de Pontevedra iniciou esta semana os traballos para continuar o carril-bici cara ao campus de Pontevedra, un proxecto que se fai en colaboración coa Universidade de Vigo que completará este carril cun proxecto propio na rúa Celso Emilio Ferreiro.

O proxecto municipal continúa o carril-bici que atravesa o parque de Rosalía de Castro (fronte a avenida de Compostela), cara a rúa Celso Emilio Ferreiro, atravesando o paso de peóns da rúa Alexandre Bóveda, e gañando algo de espazo o carril de acceso dende esta rúa cara Celso Emilio Ferreiro.

Este carril-bici atravesará cara a zona verde que a Universidade ten na rúa Celso Emilio Ferreiro, e a partir dese punto o proxecto é asumido pola Universidade de Vigo que o levará cara unha das vías do campus no lateral da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

O obxectivo desta obra é completar o carril-bici da avenida de Compostela que está sendo moi empregado polos usuarios de todos os centros de ensino situados na Xunqueira, e primar a mobilidade ciclista nestes espazos.

O custe da obra, que será asumido ao 50% por ambas institucións, é de 120.000 euros.