Mellorar a empregabilidade das persoas e a competitividade empresarial, retos dos planes municipais Arela e Verea

120

Mellorar capacidades e coñecementos, incrementar a empregabilidade, fomentar a interacción empresarial e empresas e potenciais traballadores e prestar asesoramento individualizado. Son os parámetros que guían os dous novos planes de formación –Verea e Arela- que desenvolverá ao largo do ano a Concellería de Promoción Económica e da Cidade no marco do proxecto ILES.

“Trátase de dar unha volta a formación, apostar por fórmulas máis modernas e colaborativas” explica a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías quen lembra que as competencias para desenrolar políticas activas de emprego son da Xunta e que “os concellos só poden facer tarefas de acompañamento”.

Plan ARELA

Nace como servizo de acompañamento e mellora da empregabilidade das persoas que participen do programa. Terá unha duración de tres meses e faranse tres quendas no 2016. A primeira comezará no segundo trimestre do ano.

En cada un dos programas participarán 20 persoas e con elas traballarase no desenvolvemento profesional integral partindo das novas competencias laborais que precisa o mercado. Cada participante terá un itinerario individualizado.

O programa ofrece 12 sesións presenciais en grupo (de 5 horas cada unha), 6 sesións de acompañamento individual (1,5 horas por sesión) e un encontro de familias creativas co fin de conectar persoas en procura de oportunidades e persoas emprendedoras para o intercambio de experiencias.

O antecedente do Arela hai está no proxecto Colabora do Espacio Arroelo de coworking que acadou un 60% de inserción laboral.

O prazo de inscrición será do 4 de febreiro até o 4 de marzo para a primeira quenda, que desenvolverase do 25 de marzo ao 30 de xuño. Os únicos requisitos esixidos son estar en situación de busca activa de emprego (parado) e estar empadroado no Concello de Pontevedra.

Plan VEREA

Nace para axudar ás pequenas empresas (pemes) e emprendedores nos seus proxectos empresariais. O seu obxectivo é favorecer a implantación e o desenrolo de iniciativas empresariais tendo en contra as súas capacidades de innovación e evolución co fin de mellorar a súa competitividade.

Reformulación da idea de negocio, a mellora da imaxe dixital, a apertura de novos canles de comercialización, o análise de custos, a elaboración de planes estratéxicos, a mellora da organización interna… son aspectos que se avaliarán no programa Verera, ao que poderán optar 20 pemes ou persoas emprendedoras.

Tamén neste caso haberá unha diagnose e acompañamento específico. O programa ofrece 21 horas de atención directa a cada participante, das que 12 serán presenciais e individualizadas. Sesións grupais, talleres e networking completarán o programa.

O programa ten unha duración de 4 meses e o prazo de inscrición é tamén do 4 de febreiro ao 4 de marzo. Poden optar empresas ou profesionais consolidados e persoas emprendedoras que queiran traballar na viabilidade da súa idea.

As bases e inscrición para os planes Arela e Verea poderanse descargar na web do Concello www.proxectoiles.es a partir da próxima semana Toda a información tamén no correo administración@proxectoiles.es; teléfonos 986.848552 ou 986. 841606 ou dun xeito presencial na Casa da Luz.

O proxecto Iles no que se enmarcan os planes Arela e Verea naceu no ano 2002 e ten acadado un índice de inserción laboral do 45%, de acordó cos datos aportados polo seu responsábel, Francisco López.