Discurso na Entrega de premios Cidade de Pontevedra 2016

47

Queridos membros da Corporación Municipal,
Personalidades premiadas,
Membros do xurado,
Autoridades e representacións
Veciñas e veciños de Pontevedra,
Queridas e queridos amigos,

De novo vémonos neste 20 de xaneiro, día de San Sebastián, para aupar un chanzo máis na agradábel constatación do que cada ano facemos por ser mellores, máis seguros de nós mesmos.

Tamén de constatar que a sociedade pontevedresa non para de medrar en estímulos para ofrecer máis e mellores enerxías, desas que se convirten en ferramentas para os soños, e tamén en aspiracións para conseguir un mundo máis xusto, máis equilibrado e do que sentirnos cada vez máis orgullosos.

Se non, miren o exemplo destes Premios Cidade de Pontevedra. Uns nominados que tiñan feito méritos, todos e cada un deles, para recoller hoxe aquí un galardón que ao final recibiron o Instituto Luís Seoane e don Calros Solla.

Pero tamén a Festa HQR, o Mace Sport, Evaristo Portela, como representantes senlleiros do deporte pontevedrés, e que falan de Pontevedra como cidade deportiva. Así como o Espacio Arroelo exemplo do dinamismo de xóvenes emprendedores. Todos eles merecentes tamén do Premio que hoxe entregamos.

Uns premios solidamente participados, de convocatoria aberta ao pobo, ás numerosas entidades públicas que forman parte do sólido e plural entarimado asociativo de Pontevedra, e cun xurado que recolle absolutamente todas as sensibilidades sociais, políticas e culturais da capital.

Premios que este ano teñen un indubidábel sesgo educativo, e non só porque un centro de ensino público está entre os premiados, senón porque a obra do escritor Carlos Solla contén unha indubidábel dimensión divulgativa.

Para min é un grandioso orgullo que un dos principais centros educativos de ensino público da cidade sexa premiado hoxe. En primeiro lugar, porque con este premio recoñécese o labor da educación, e da educación pública en particular, como auténtico motor do equilibrio e o avance social.

E en segundo lugar, máis se caba moitísimo máis importante, é que premiando ao Instituto Luís Seoane prémiase tamén a un dos espazos territoriais máis senlleiros de Pontevedra. Monte Porreiro non só é unha urbanización exemplar, senón que é o lugar que aporta á cidade de Pontevedra un dos seus principais valores colectivos: o da convivencia nun barrio no que todas e todos puxemos moito esforzo en que non acabara convertido nunha desas urbanizacións periféricas que arrodean as cidades sen arte nen xeito.

Monte Porreiro é hoxe un exemplo de harmonía multicultural que se pon de exemplo en toda Galiza cando se trata de glosar a integración de distintos colectivos, con resultados altamente satisfactorios.

Neste clima de harmonía, o conxunto dos centros educativos tivo un papel fundamental, xa que en torno a eles fóron tecéndose os vimbios da intelixente e tranquila cordialidade que hoxe existe no barrio. A constante interacción entre as escolas e institutos e as familias, entre os profesionais e as veciñas e veciños, entre as entidades como Ampas e asociacións culturais, deportivas e veciñais… fixeron de Monte Porreiro un exemplo de convivio e calidade humana do que o conxunto de Pontevedra se sinte absolutamente orgullosa.

Máis o Instituto Luís Seoane non reflicte a súa potente luz só sobre o seu contorno máis próximo. A súa dimensión internacional é evidente, xa que leva anos significándose como unha das Escolas Amigas da Unesco, esa aposta por un mundo mellor no que a educación e a cultura teñan prioridade sobre outras dimensións como o consumismo, a explotación de pobos e persoas, as finanzas ou o colonialismo cultural vestido de cosmopolitismo.

Cosmopolitas sodes vós, promovendo o coñecemento en profundidade, viaxando polo mundo sentíndovos orgullosos de vós mesmos e do voso país e recibindo en Pontevedra a compañeiros estudantes do resto do planeta.

O dito. Sodes un orgullo, e un exemplo do que máis nos gusta de Pontevedra: a interculturalidade, a integración, a harmonía e o compromiso cos demáis.

Outro gran motivo de fachenda para Pontevedra é o labor que realiza Calros Solla. Tanto a súa dimensión como poeta, como as súas grandes dotes de divulgador, unido ao amor pola natureza, fan da súa personalidade un magnífico expoñente desa Pontevedra apaixonada polas cousas máis exquisitas da vida: a poesía como expresión da sensibilidade, o verxel no que a fortuna nos permite vivir, o coñecemento do que fomos e somos, o noso idioma cheo de vida e a nosa grandísima cultura fluvial.

Xa sabemos que o dos Gafos é un dos ríos que conflúen no noso municipio, como o Rons, o Valdecorvos,o Cons, o Fontáns, o Verducido, o Pintos, o Almofrei e o Lérez, entre outros centos de regos, afluentes e regatos.

Pero, a parte do Noso Pai o Río Lérez, que é o símbolo urbano máis substancial de Pontevedra, ningún leva xenerado tanta literatura e interés nos últimos anos como o dos Gafos ou Tomeza, sobre o que o noso premiado investigou e publicou moitas das dimensións máis brilantes que hoxe coñecemos grazas ao seu xenio, ás súas pescudas, que nos fixeron máis acaídos e intelixentes.

Estou seguro que, se hai vontade política de todas as administracións, veremos resoltos os problemas que o actual saneamento lle acarrea ao río, e ogallá algún día sexamos capaces de dar unha saída digna deste río da cidade, que o maltratou hai cuarenta anos, cegando o seu paso por Campolongo.

Os arredores do Gafos aínda teñen moita forza que aportar o tecido urbano de Pontevedra nos ámbitos da paisaxe urbana, a memoria histórica e o patrimonio arquitectónico e inmaterial.

Unha dimensión, a de Calros Solla, que ademáis nos permite reafirmar esa realidade que nunca nos cansaremos de repetir: Que Pontevedra é moita máis Pontevedra da que cabe na nosa cidade e incluso no noso municipio. Son tamén as forzas centrípetas que a cidade se enriquece do noso contorno, composto por lugares tan amados por todos e tan presentes na obra de Solla como o Monte do Seixo, como Cerdedo, e como os múltiples estudos e ensaios que leva feito sobre os máis variados costumes e asuntos de natureza etnográfica, que enriquecen o rico acervo da nosa brilante cultura popular.

Grazas á comunidade escolar do Instituto Luís Seoane e aos representantes dos veciños e veciñas de Monte Porreiro. Grazas a Calros Solla, á súa dimensión literaria, científica e ao colectivo Vaipolorío.

Grazas a todos vós, paga moito máis a pena vivir en Pontevedra, porque contribuídes a engrandecela e a fornecela da potencia que precisa para que cada día estea máis sólida no noso corazón.

Viva Pontevedra.