Menos positivos nas alcoholemias, multas, coches retirados polo guindastre e menos accidentes no 2015

83

Menos positivos nos controis de alcoholemia, descenso no número de retirados de vehículos pola guindastre e do número de denuncias (multas) e menos accidentes de tráfico no ano 2015 respecto ao 2010 (cando hai unha inflexión na tendencia ao alza) e respecto ao pasado ano. Os datos recóllense no balance anual da Policía Local que foi presentado pola concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva e polo intendente xefe principal da Policía, Daniel Macenlle.

A concelleira Carme da Silva aproveitou a comparecencia para anunciar que os coches patrulla levarán desfibriladores, un proxecto que tratará de completarse neste ano 2016. A incorporación dos aparatos de recuperación cardíaca irá precedida da formación dos axentes locais no seu uso. A responsábel municipal lembra que moitas veces son os axentes locais os primeiros en chegar ás emerxencias e que sempre están presentes nos eventos e citas multitudinarias e nos espazos públicos máis concorridos.

Unha condución máis responsábel e solidaria e unha maior concienciación ao volante por parte dos condutores están detrás dos bos resultados, mantén a concelleira quen subliña que é un éxito de todos e todas.

Alcoholemias.– No ano 2015 detectáronse 94 positivos nos controis

estáticos de alcoholemia, fronte aos 109 rexistrados en 2010 e os 102 do pasado ano, o que supón un descendo do 3,7% no primeiro caso e do 0,89% respecto ao 2014.
O descenso, porcentual e en números absolutos, prodúcese aínda que o número total de probas incrementouse de xeito exponencial ao pasar de 2.956 a 10.450

Guindastre.- A Policía Local retirou un total de 4.279 vehículos das

rúas da cidade no pasado ano -3.418 por infracción e 862 por traslado ou outras cousas- un 9,4% menos dos retirados un ano atrás cando sumaron 3.766.

Denuncias (multas).– O balance presentado recolle un total de 12.417

denuncias postas polos axentes da Policía Local, o que supón un descenso do 32,5 % respecto ao 2010 e dun 9,8% respecto ao pasado ano. Un dato que amosa, en opinión do intendente principal, Daniel Macenlle “que o ollo-móbil ten un gran poder disuasorio e non está para recadar”.

As denuncias derivadas do control do Ollo-móbil supuxeron o 36,7% do total.

Accidentes.- Unha condución máis responsábel, unida a implantación de medidas de reordenación e calmado do tráfico, a velocidade 30 e outras medidas asociadas ao modelo urbano, fan que Pontevedra entre no seu quinto ano sen mortos por atropelo e cun rexistro descendente do número de accidentes.

A Policía Local constatou un total de 793 accidentes de tráfico fronte aos 875 do 2014, o que supón un 9,6% menos.

Balance Policía Local