O Concello reformará a zona verde entre as avenidas da Estación e Josefina Arruti

77

O concelleiro responsábel da área urbana, Luís Bará mantén esta tarde unha reunión con veciños da avenida da Estación para presentarlles o proxecto de remodelación e recuperación da zona verde situada na rotonda de entronque das avenidas da Estación e Josefina Arruti (onde se atopaba o Centro de Arte Jaime Trigo).

O concelleiro recoñeceu que é un espazo que se atopa en mal estado, e que é preciso intervir para eliminar os afundimentos na beirarrúa e reparar toda a zona verde.

O proxecto contempla refacer a beirarrúa pegada ao edificio, e intervir na zona verde creando sendas con madeira e xabre, onde se instalará mobiliario urbano como papeleiras e bancos.

Tamén se plantarán novas especies como setos, cipreses, hibiscos, arces, entre outros, ademais de céspede e iluminación.

Luís Bará destacou que se trata dunha actuación pequena pero que vai a mellorar a imaxe deste espazo, así como a seguranza e accesibilidade dos peóns, e ofrecerá máis comodidade aos veciños.

As obras comezarán no prazo aproximado de dúas semanas, unha vez que rematen os traballos que se están a realizar na praia fluvial (mellorando a beirarrúa) e o carril-bici que o Concello está a completar cara o campus.