Solicitadas 3.500 plazas para os 88 obradoiros de Normalización Lingüística en Primaria e Secundaria

102

Oitenta e oito obradoiros de Normalización Lingüística desenvolveranse en quince centros educativos de Primaria e Secundaria do concello de Pontevedra. Os centros de ensino solicitaron máis de tres mil cincocentas prazas para os obradoiros que a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello ofreceu aos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) dos centros de ensino a principios deste curso. En total realizaranse cinco sesións do obradoiro OPS! O galego a nosa vantaxe, dezasete de Galicia, País das Letras, vinte do Lingua Forza 3, e vinte e dous do Díxome, Díxome e vinte e catro sesións do Xogo do Chiflo.

Todas estas actividades están deseñadas especificamente para promover o uso da lingua galega entre os escolares, traballando con eles de maneira práctica a reflexión sobre as vantaxes de termos unha lingua propia, a valoración da riqueza de coñecementos de distinto tipo que se transmiten a través do galego ou a reflexión sobre a importancia da acción individual no mantemento e no futuro da lingua.

OPS! O galego a nosa vantaxe (3º ciclo de primaria, ESO, bacharelato e ciclos). Con esta proposta o alumnado aprende que o galego é unha entrada privilexiada para acceder ao portugués e que, polo tanto, falar galego ofrece unha clara vantaxe competitiva.

Lingua Forza 3 (para os tres ciclos de primaria). Ten como obxectivo dinamizar o uso da lingua galega na infancia a través do xogo e do traballo en equipo e asociar o uso da lingua galega a outras áreas do currículo, especialmente á educación física.

Galicia, País das Letras (2º e 3º ciclos de primaria e primeiro ciclo de ESO). É unha xincana, de 90 minutos de duración, con diferentes probas que buscan achegar aos participantes contidos culturais relacionados coa lingua, co patrimonio inmaterial e coa literatura galega dunha maneira participativa, lúdica e potenciando aspectos orais.

Díxome, Díxome (para os tres ciclos de primaria). A tradición oral é o eixo central das probas desta xincana, de 90 minutos de duración. O alumnado descobre, da man dos monitores de Xandobela, o noso patrimonio e tradición oral: refráns, trabalinguas, romances e cantares de cego, cantigas, xogos lingüísticos…..

O xogo do Chiflo (de 2o a 6o de primaria) Este obradoiro, de 90 minutos de duración, busca fomentar a cooperación e a creatividade para aprender máis sobre a historia de Pontevedra e a nosa lingua. O Chiflo, ideado por Mekané Didáctica, é un personaxe que crea crebacabezas e guiará aos nenos e nenas nunha historia sobre os segredos, persoeiros e tradicións da nosa cidade.