Solucións tecnolóxicas para investir en Bolsa en Pontevedra ten un puntazo

98

Desenvolver solucións tecnolóxicas para os mercados financeiros é o obxectivo de Qbitia, que presentou a súa empresa e os seus innovadores produtos na Casa da Luz dentro do programa Pontevedra ten un Puntazo. A presentación estivo a cargo de Alberto Oubiña, concelleiro de Novas Tecnoloxías e Luis Taboada, socio fundador e CEO de Qbitia e presidente de Infomercados.com.

Pontevedra ten un Puntazo é un programa da Concellería de Promoción Económica e da Cidade e da Concellería de Cultura para a conexión e posta en valor e promoción das empresas locais que traballan no eido da cultura, da creación e da innovación.

A startup naceu en 2011, cando catro compañeiros da Facultade de Física de Santiago de Compostela decidiron poñer na práctica unha idea e transformala nunha empresa. Qbitia pasou en só catro anos do salón da casa dun dos seus fundadores a ser unha empresa con 22 traballadores e cunha oficina de representación en Londres.

Hoxe traballa coas principais Bolsas do mundo como Madrid, Londres, Nova York ou Chicago e até o de agora ten logrado acadar ata 1,5 millóns de euros de financiamento dos principais fondos nacionais e internacionais.

Este ascenso meteórico e o esforzo dos seus fundadores veuse recompensado con importantes premios a nivel nacional e internacional. En 2013 Qbitia fíxose co Premio Emprendedor XXI en Galicia de La Caixa e Enisa como empresa de maior crecemento potencial na nosa comunidade autónoma. No ámbito nacional acadou o posto de cuarto finalista.

O produto estrela da compañía é Qcaid, unha plataforma que permite o deseño, análise e execución automatizada de estratexias de inversión de maneira centralizada, en tempo real e sen coñecementos de programación. Foi seleccionado en 2014 entre o catro produtos máis innovadores do mundo para mercados de divisas no London Forex Magnates e, en 2015, foi finalista nos premios Technical Analyst Awards celebrados en Londres como a mellor plataforma de inversión nos mercados financeiros a nivel mundial.

Os obxectivos de futuro da compañía pontevedresa pasan por seguir expandíndose por Europa e América e acceder aos mercados máis importantes de Asia e América Latina.