“Vamos a Todo”, pregoeiros do Entroido 2016

100

Diversión, retranca, crítica local, un pouco de reivindicación… e moito agradecemento pola distinción. É a oferta que fan os pregoeiros do Entroido 2016, “Vamos a todo” que ten por diante o reto de invitar a tod@s a participar “no entroido urbano máis participativo de Galiza”, segundo a definición feita pola concelleira de Festas, Carme da Silva.

A escolla de “Vamos a Todo” como pregoeiro segue o camiño principiado polo Concello de recoñecer o labor dos grupos, asociacións e persoas individuais que participaron e participan dun xeito activo e traballaron arreo polo mantemento e pulo do entroido pontevedrés, unha festa que se goza nas rúas. Antes que eles foro Caqui Viñas, “Os de Sempre” e “Amoriños”.

Aínda que os seus membros son uns clásicos do entroido pontevedrés, o grupo ten o nome actual dende o 2005. Cada ano participan no desfile, nas parodias e na noite pirata aínda que deixaron de ir ás murgas, agora moi profesionais para os seus recursos vocálicos e musicais, como explican. Pero, engaden, son habituais da Feira Franca, das festas da Peregrina… e de calquera outro evento festivo de Pontevedra. Pero están dispostos a máis e de feito aproveitaron a presenza da concelleira Carme da Silva para reivindicar unha nova festa: un entroido de verán.

Unha ducia de membros de “Vamos a Todo” fuxiron da voda na que estaban –entre un hípster e un podemita, con bebé, invitados e escolta de gala do Concello e da Deputación incluídos- para achegarse ao Concello e agradecer a honra de ser pregoeiros e asegurar que estarán á altura do reto aínda que xa verán o que fan. Iso si pediron “perdón” polo que fagan na noite pirata, non teñen dúbidas de que “darán o cante” nas parodias e “algo reivindicaremos” no pregón. Iso si, sublimaron, haberá diversión “moita diversión” e “sempre sen faltar ao respecto”.

Quen queira escoitar o pregón, o que teñan que dicir “Vamos a todo” que acuda o venres, 5 de febreiro, ás 21 horas á praza da Verdura.

Programa do Entroido

Bases Desfile Entroido     BAses Murgas e Parodia    Concurso Filloas