A prórroga de Ence terá contestación social, xudicial e política

196

“Unha decisión de carácter vergoñento” se non “por que non foi o Ministerio quen deu conta dela” e houbo que enterarse por un comunicado da empresa. A decisión do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama) de outorgarlle a Ence unha prórroga a concesión de Lourizán de 60 mobilizou a Plataforma Ence Fóra, co Goberno local ao fronte, quen xa subliñou que “a decisión non é firme” e que será contestada con tódolos medios posíbeis: socialmente e polas vías xudical e política.

A prórroga de Ence “e unha decisión que hipoteca o presente e futuro da ría de Pontevedra, da comarca de Pontevedra, e a política forestal de Galiza durante o século XXI” sinala a tenente de alcalde Carme da Silva, que compareceu arroupada por representantes dos distintos colectivos veciñais, sociais, ecoloxistas e partidos políticos que conforman a Plataforma cidadá Ence Fóra. Resulta lamentable que “un Goberno sen lexitimidade, en funcións; despois de que o seu presidente diga que non se presenta a investidura poda regalarlle a unha empresa privada, a Ence, moitos millóns de euros ao darlle 60 anos máis de concesión”, engade Da Silva.

Ence Fóra fai un chamamento á sociedade para que “se rebele”, para que “non de por finiquitada a loita pola recuperación de ría, polo futuro de Pontevedra e a súa comarca”, indicou o presidente da Federación de veciños “Castelao”. Mañá martes, os colectivos reuniranse en asemblea, ás 20 horas, na sede da Federación veciñal “Castelao” para decidir como plantar cara a este atropelo.

A tenente de alcalde, Carme da Silva, indicaba que pedirán ao novo Goberno central e aos partidos que o apoien a revocación da prórroga da concesión de Ence, e ceiben desta hipoteca aos pontevedreses e pontevedresas que levan décadas sufrindo as consecuencias económicas, ambientais, urbanísticas dunha industria de enclave coma esta.

“A nosa decepción co Partido Popular é máxima” engade Da Silva quen lembra que o PP puxo ao servizo dunha empresa privada todos os recursos políticos e da administración polo que se pregunta “a cambio de que?

Pola súa banda o presidente da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Antón Masa, non dubida en cualificar de “ilegal” a prórroga pois “chega cando está sen decidir definitivamente o expediente de caducidade da concesión de Lourizán” polo que poderíamos estar ante un delito de prevaricación.