Comeza o proxecto de mellora da seguranza e accesibilidade no colexio de Ponte Sampaio

92

O Concello de Pontevedra inicia este mércores, 27 de xaneiro, os traballos de mellora da seguranza viaria e accesibilidade na contorna do centro de ensino de Ponte Sampaio, onde se pretende facer unha reordenación do tráfico, control do estacionamento e creación de rutas diferenciadas para os peóns. O portavoz do Goberno e delegado da parroquia de Ponte Sampaio, Raimundo González explicou que o proxecto ten un custe de 106.465 euros.

O proxecto consiste na pavimentación de toda a vía de acceso ao colexio dende a ponte medieval, e segregaranse os tráficos peonís dos vehículos. Toda a zona terá velocidade máxima 20km/h.

Crearase unha senda que partirá da ponte medieval até a entrada do colexio. Farase á mesma altura da calzada, en formigón impreso de distinta cor, e coa simboloxía dos peóns. En toda a vía instalaranse catro pasos de peóns elevados.

Na entrada do centro colocarase un pavimento de cor vermella, e a prohibición de acceder en coche á entrada do centro. Ademais, gáñase un sobre ancho ao carón do campo de fútbol que se adecentará con terra vexetal e céspede.

Ao tempo que se mellora o acceso ao colexio, tamén está previsto o pintado da bolsa de estacionamento situada ao carón do campo de fútbol, coa creación de varias prazas de aparcamento e carrís de circulación para ordenar todo este espazo. Quedará delimitado un gran paso de peóns.