Espazo CreaActivo, un concurso de ideas para alumn@s do campus de Pontevedra

214

Un concurso de ideas que ten como finalidade adecuar e dotar de contidos ó edificio de propiedade municipal, sito na rúa Santa Clara número 4, como espazo multidisciplinar. Trátase da convocatoria Espazo CreActivo que presentaron conxuntamente Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica de da Cidade e Juan Manuel Corbacho, vicerreitor da Universidade de Vigo para o campus de Pontevedra.

O Espazo CreActivo, ubicado nas instalacións que ten o Concello en Santa Clara, vencellará o emprendemento ao talento, as ideas á viabilidade técnica e económica, contribuirá o desenvolvemento do tecido empresarial e empregabilidade dos egresados no campus local ao abrirlle as portas ao mundo do traballo, necesitado de creatividade, innovación, coñecemento e valentía.

O concurso de ideas ten carácter didáctico xa que está orientado a comunidade universitaria; nel poderán participar as/os estudantes de Grao e Posgrao das diferentes facultades que forman o campus de Pontevedra. Nas palabras da Concelleira “O obxectivo é mostrar que este edificio pode ser un espazo de coworking entre a Universidade e o Concello”.

Terán cabida as ideas orientadas á reutilización, embelecemento do espazo e dotación de contidos e actividades. A selección destas irá en función da súa orixinalidade e da súa viabilidade técnica e económica. Anabel Gulías aclarou neste punto que este é un concurso orientado á ideas, no que “a implementación das mesmas e os seus custes non correrán a cargo dos alumnos que se presenten”.

Faise un chamamento ó traballo en equipo pero tamén é posible a aportación individual. Cada equipo poderá presentar un máximo de dous proxectos, que terán que enviar a través dun formulario disposto na páxina web do Concello. Na solicitude, os participantes, deberán identificarse, presentar a súa proposta e a xustificación da mesma.

As ideas serán valoradas por un xurado independente dentro das tres categorías da convocatoria: comunicación e identidade gráfica do espazo; humanización e reorganización dos espazos comúns e un apartado xeral de contidos creativos. O resultado do concurso será a implantación das ideas e unha dotación económica de 500€ por equipo e categoría.

Os proxectos serán levados a cabo polos gañadores da man dunha serie de empresas seleccionadas polo Concello de Pontevedra, polo que a cada proxecto e a cada idea asignaráselle un profesional no ámbito para que coordine o proceso de implementación. Trátase dunha iniciativa destinada a enriquecer tanto ós participantes que a fan posible, como a propia cidade de Pontevedra e ó seu tecido emprendedor.

José Manuel Corbacho agradeceu a iniciativa xa que “vai na liña de especialización que busca o campus de Pontevedra, é unha oportunidade para que os alumnos demostren o seu talento e sobre todo para que podan poñer en práctica o seu traballo”. Tamén quixo aclarar que “todas as titulacións teñen cabida nesta convocatoria nas que tamén son posibles propostas transversais e que é un chamamento á motivación de todo o alumnado”.

O prazo para a recepción de solicitudes permanecerá aberto ata o día 31 de marzo inclusive. Para máis información sobre a convocatoria o Concello pon a disposición dos interesados o seguinte correo electrónico: espazocreactivo@pontevedra.gal

Máix información na páxina de ESPAZO CREACTIVO